Caballero sinala que o Torneo Concello de Vigo de fútbol base xa é “unha das grandes accións do Nadal”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a cuarta edición do Torneo de Nadal de fútbol, que se celebrará do 26 ao 30 deste mes en dez campos municipais con 2.000 participantes.
Por o 22/12/2016 | Sección: Concello de Vigo,Deportes,Vigo
Caballero sinala que o Torneo Concello de Vigo de fútbol base xa é “unha das grandes accións do Nadal”
Compartir en:

“Este trofeo empézase a converter nunha das grandes accións de todos os Nadais”, subliñou o rexedor, que indicou que será un evento de “récord con 139 equipos inscritos”, ademais de catro conxuntos de fóra (Deportivo, Lugo, Ponte Ourense e Conxo) que disputarán a novidade do torneo autonómico alevín o día 30. Caballero estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, representantes de Afavi (Daniel Costas e Agustín Rodríguez) e Juan Andonegui (Frutas Nieves).

Por cuarto Nadal consecutivo o Concello dalle pulo a esta competición para nenos e nenas nacidos dende 2003 a 2010. “É un campionato excepcional”, dixo Caballero. Durante cinco días, as categorías prebenxamín, benxamín e alevín (fútbol 8) e a infantil (fútbol) disputarán 279 encontros nos campos de Navia (Pahiño), Samil (Armando Cajaraville), A Bouza (Coia), A Guía, San Miguel de Oia (A Pirucha), Matamá (Penedo da Moo), Candeán (José Costas), Cotogrande, Meixoeiro e Sárdoma (As Relfas).

27 clubs de Vigo, dous da Coruña, un de Lugo, un de Ourense, un do Val Miñor e un do Porriño estarán en liza coa xornada de clausura, o día 30, no polideportivo de Navia para a entrega de medallas e trofeos (18:30 horas).

Daniel Costas, presidente da Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (Afavi), afirmou que será “unha semana intensa de fútbol base” e animou á cidadanía, do mesmo xeito que o alcalde, a que acuda a ver aos novos futbolistas.

Do 26 ao 28 disputarase a fase clasificatoria, o 29 os cuartos e semifinais de todas as categorías -e a final alevín- e o 30, no Municipal Pahiño, as demais finais (prebenxamín, benxamín e infantil) e o torneo autonómico alevín, ao que accederá o campión do día anterior para competir con Celta, Deportivo, Lugo, Ponte Ourense e Conxo.