Caballero solicita a revisión do caudal ecolóxico de Eiras para garantir o abastecemento

O alcalde dirixiuse por escrito á Consellería de Infraestruturas para que adecúe o caudal ecolóxico do encoro de Eiras ás condicións climatolóxicas, tal e como prevé o Plan de hidrolóxico de Galicia. Nestes momentos, estanse a evacuar 822 m3/l, e en novembro serán 1.300 m3/l, unha cantidade superior ao consumo diario de toda a área, cifrado en 1.000 m3/l.
Publicado por o día 22/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Caballero solicita a revisión do caudal ecolóxico de Eiras para garantir o abastecemento

O rexedor avanzou esta mañá que a presa de Eiras segue a baixar o seu caudal a pesares das últimas choivas dado que a Xunta obriga a manter un caudal ecolóxico en outubro de 822 m3/l, o que supón case o consumo diario de auga de toda a área metropolitana -1.000 m3/ aproximadamente. Esta situación agravarase en dez días, engadiu, xa que o 1 de novembro haberá que evacuar 1.300 m3/l, sen atender as especiais condicións climatolóxicas que estamos a atravesar, sen previsións significativas nas próximas semanas.

Por este motivo, o Concello enviou unha carta á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que lle recrimina que as “burocráticas” decisións que se está a tomar no caudal ecolóxico do encoro de Eiras, “sen ter en conta o contexto da climatoloxía de Vigo, porque cada semana baixa entre 3 e 4 puntos o volume embalsado polo que entramos en situación complicada”.

A este respecto explica que Vigo está a adoptar xa todas as medidas de aforro de auga posibles e que xa lle permitiron reducir o consumo nun 4,5% entre xaneiro e agosto, mentres que outras localidades aumentaron ese gasto en máis dun 10%.

O Plan hidrolóxico de Galicia establece a necesidade de realizar o seguimento do réxime de caudais ecolóxicos para introducir eventuais modificacións do réxime definido cando sexa necesario, pero a Xunta “fai oídos xordos” criticou Caballero. Criticou tamén que a Xunta paralizara a construción do transvase de emerxencia desde o Verdugo, unha solución pactada entre Concello e goberno autonómico en decembro do ano pasado que podería utilizarse neste momento.

Na súa intervención lembrou que a falta de abastecemento afectaría no só a Vigo, senón tamén a Soutomaior, Redondela, Porriño, Salceda, Mos, Moaña, Cangas, Gondormar e Nigrán.

O alcalde rematou avanzando que esta semana terá lugar a reunión co secretario de estado de Medio Ambiente para buscar unha solución ao abastecemento de Vigo a medio e longo prazo.