Caballero urxe ao Goberno a tramitar a lei que lle permita aos Concellos investir o superávit

Tras a reunión do alcalde de Vigo e presidente da FEMP coa vicepresidenta do Goberno e o Ministro de Facenda, o Goberno comprometeuse a crear dous grupos de traballo para abordar o teito de gasto e o financiamento local que requiren o desenvolvemento dunha lei que permita investir o superávit aos municipios.
Por o 07/02/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
Caballero urxe ao Goberno a tramitar a lei que lle permita aos Concellos investir o superávit

Abel Caballero informou este martes do encontro mantido coa vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría e o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro que se comprometeron a crear dous grupos de traballo coa Federación Española de Municipios de Provincias. O primeiro, abordará unha “demanda urxente” dos concellos españois: o teito de gasto. Nel estarán o Goberno, as Comunidades Autónomas, a FEMP e a AIREF.

O segundo grupo de traballo tratará o financiamento local e o investimento do superávit por parte dos municipios españois, que Caballero cifra nuns catro mil millóns de euros que as entidades locais queren dedicar “en favor da cidadanía”. Para poder facelo é preciso contar cunha “lei que nos permita reinvestilo e financialo desde remanentes; é dicir non ter que subir impostos para ese financiamento”. Unha lei que cualificou de “urxentísima porque estamos fóra de prazo para tramitala”.

O presidente da FEMP destacou o compromiso adquirido polo goberno para resolver esta cuestión, a expensas da reunión do grupo de expertos en financiamento autonómico que cualificou de “grande avance”, pero lembrou que “isto require unha plasmación legal e, sen ela, os concellos perderemos a posibilidade de investir o superávit”. Así, engadiu que en Vigo o superávit roldará os 10 millóns de euros que “queremos usar na cidade en favor da cidade”, ao igual que o resto de municipios “bos xestores” que queren dedicalos a programas de política social, de xeración de emprego ou humanizacións.