Caballero valora a inversión de Zona Franca na Panificadora pero rexeita a da ETEA

No Pleno convocado no Consorcio da Zona Franca de Vigo para tratar o orzamento para 2017, o Concello abstívose ante as “luces e sombras” do documento que inclúe 4 millóns de euros para a Panificadora pero ao que lle falta, segundo o rexedor, concreción sobre o Centro de Transportes.
Publicado por o día 01/03/2017 na sección de Vigo

Caballero valora a inversión de Zona Franca na Panificadora pero rexeita a da ETEA

Abel Caballero explicou este mércores que o Concello de Vigo se abstivo na aprobación en Pleno do orzamento de Zona Franca para 2017 para a amosar a súa disconformidade co investimento de 5,5 millóns de euros nos terreos da ETEA que supoñen, ao seu entender, “un regalo para a Xunta de Galicia”.

Así, cualificou de “bo” o presuposto de Zona Franca pese ás súas “luces e sombras”, entendendo as luces polos investimentos “que son bos para a cidade e que aprobamos e apoiamos, de forma singular, para a Panificadora” e as sombras pola “falta de concreción do Centro de Transportes porque non sabemos onde queren facelo nin de que forma” e o mencionado investimento na ETEA que é o “nó gordiano” do documento porque, apunta, “o diñeiro de Zona Franca é para Vigo e non para a Xunta de Galicia”.

Con todo, Caballero sinalou que os orzamentos melloran nalgunhas cuestións respecto aos presentados o ano pasado, singularmente no previsto para a rehabilitación da Panificadora que recibirá 4 millóns de euros, unha cuestión que “celebramos e un avance moi importante para a cidade” e que acompañan á dedicación do orzamento municipal para tramitar expropiacións e a adecuación da zona.