Cacabelos presenta a lista que lle acompañará nas próximas eleccións

O candidato á reelección estivo acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que destacou a “paixón” de Cacabelos na defensa do seu pobo
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Galicia,O Grove,Política,PSOE

Cacabelos presenta a lista que lle acompañará nas próximas eleccións

A veciñanza do Grove coñeceu este martes a lista que acompañará a José Cacabelos no seu camiño cara a reelección o próximo 26 de maio. Un equipo “exactamente igual a calquera veciña ou veciño desta vila”, defendeu o actual alcalde, “con capacidade e ilusión para sacar adiante proxectos que transformen a vila e avancen cara o futuro”.

Acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e tras a introdución por parte de Emma Torres, secretaria de organización e quen xa anunciou que non repetiría na lista para dedicarse plenamente ao seu traballo como profesora universitaria, Cacabelos apuntou que os últimos catro anos “teñen sido moi intensos”.

“Temos transformado a vila dando prioridade ás persoas”, argumentou o socialista, explicando que desde o primeiro momento deron cumprimento ao que fora o seu lema de campaña, ‘Outro xeito de facer política’, que implica contacto directo coa veciñanza. “Hai que escoitala, estar con ela e ter a capacidade de transformar as ilusións e os proxectos que trasladan os á realidade; ese é o traballo da política municipal”, sostivo.

Cacabelos detallou “os máis de 30 encontros” coa veciñanza realizados durante este mandato “onde a veciñanza sempre puideron preguntar, criticar e aportar”. “Nós non tivemos que esperar a maio para realizalos,

como fan a maioría de partidos; ao mes seguinte de empezar a gobernar fixemos a nosa primeira charla diante de 200 veciñas e veciños”, unha tónica que se mantivo durante o resto do mandato.

“Consideramos que este goberno que tivo O Grove foi coherente, que aportou estabilidade e tranquilidade e que tomou decisións por e para os veciños”, defendeu o candidato á reelección, resaltando que agora toca “ás veciñas e veciñas facer unha valoración”.

Silva destaca a “grande acción de goberno”

“Fronte a paixón pola defensa dun pobo non hai atranco que poida frear a un alcalde”. Así de tallante se mostrou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao valorar a “grande acción de goberno” levada a cabo por Cacabelos “aínda tendo en contra a Portos e á Xunta, que puxeron miles de atrancos para intentar frear ao Grove”.

Silva denunciou como o PP pretendeu que o Grove “perdera a financiación da Deputación para o Auditorio Municipal”. “Iso é imperdoable”, sinalou pese a que non o conseguiron.

“O Grove mellorou nestes anos do goberno de Cacabelos”, expuxo Silva, para enumerar a continuación o impulso a economía, a proxección a nivel nacional e internacional ou a aposta pola calidade como piares do equipo de goberno municipal, cuxo maior reflexo a Festa do Marisco, “que mellorou substancialmente, algo que é recoñecido dentro e fóra do Grove”.

Tamén apuntou a presidenta á “transformación urbana” sufrida pola vila durante este último mandato, coa recuperación de espazos públicos, melloras de parques e xardíns e novos equipamentos e dotacións, bandeiras dun equipo de goberno para o que Silva pediu de novo a confianza da veciñanza do Grove.

Comentar noticia

Your email address will not be published.