Arranca un novo curso e con el xurden tamén novas actividades na axenda universitaria. Entre as novidades deste ano destaca reseñas 2018, unha iniciativa impulsada polo persoal da Biblioteca de Torrecedeira coa idea de crear un espazo de lectura, pensamento e reflexión aberto a toda a comunidade universitaria. Cada mes proporán un libro de lectura e, arredor disto, toda unha serie de actividades coas que espertar a curiosidade e a inquietude por temas de actualidade, investigación ou cultura e, ao tempo, difundir os fondos da biblioteca.
Para inaugurar esta serie de reseñas elixiron o libro La corrosión del carácter: las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo (2013), escrito polo sociólogo Richard Sennett (Chicago, 1943) e no que se afonda nas consecuencias personais do traballo no novo capitalismo. É a opción elixida para o mes de setembro, pero en carteira teñen xa novos títulos para outubro, novembro e decembro.
Instalacións explicativas coas que chamar a atención do público
“A nosa idea é publicitar e estimular o bo uso e manexo dos recursos, fontes de información e servizos que ofrecemos”, apunta Primitiva Blas, directora da Biblioteca de Torrecedeira, ao tempo que explica que cada mes se realizará unha preparación/instalación explicativa que se situará nun lugar preferente e visible da biblioteca. “Ten que ser algo acorde coa temática do libro elixido, que chame a atención do público e esperte a súa curiosidade”, recalca, ao que engade que calquera persoa pode participar na elección do tema ou do libro mostrando as súas ideas, inquietudes, puntos de vista e opinións para conformar a planificación das reseñas futuras que irán alternando coas exposicións temporais que realizan regularmente na biblioteca.
“Con esta iniciativa queremos manter unha xanela de conexión permanente tanto física como virtual entre a biblioteca, a comunidade universitaria e o resto da sociedade ofertando a ocasión de utilizar o punto de reseñas da biblioteca para suxerir o desenvolvemento de actividades expositivas de índole cultural xeral ou local”, explica Blas.
Novos títulos para outubro, novembro e decembro
Para o mes de outubro o título elixido é Decir NO, no basta: contra las nuevas políticas del shock por el mundo que queremos (2017), da activista e xornalista Naomi Klein. Para novembro, El filtro burbuja: como la red decide lo que leemos y lo que pensamos (2017), un libro de Eli Parisier co que chamar a atención sobre o poder crecente dos intermediarios da información, cuxas reglas non sempre son visibles.
A cuarta reseña, prevista para decembro, afondará na obra En defensa de la conversación: el poder de la conversación en la era digital, un estudo sobre as inquietantes consecuencias da cultura dixital en diferentes aspectos da nosa vida como a eduación, a contorna profesional, as relacións sentimentais ou a política.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.