Cae un coche ao mar

Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Sucesos

En Sada, un turismo caeu ao mar cun ocupante no seu interior. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no momento do accidente a marea estaba baixa, o que facilitou o rescate do condutor do coche, que resultou ileso.

Os feitos producíronse no porto da localidade, uns minutos antes das 22:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do ocorrido e, nada máis ter constancia, o persoal do CIAE 112 Galicia requiriu a intervención dos Bombeiros de Betanzos, do Servizo Municipal de Protección Civil de Sada, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.

Atropelo

Ademais, un taxista resultou ferido onte en Santiago de Compostela ao ser atropelado por un autobús urbano na rúa do Hórreo. Ocorreu aproximadamente ás 21:00 horas.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da alerta de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso á Policía Local, aos Bombeiros de Santiago e a Protección Civil.

No autobús ningunha persoa resultou ferida.