Un ‘café vigués’ para achegarse á Universidade

O reitor Salustiano Mato participou no faladoiro organizado pola entidade Vigueses Distinguidos
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de Universidade de Vigo

Un ‘café vigués’ para achegarse á Universidade

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi esta tarde o invitado do Café Vigués, o faladoiro que periodicamente organiza a entidade Vigueses Distinguidos, co obxectivo de achegar ás súas e aos seus integrantes cuestións de interese da man dos seus protagonistas. Desta volta foi o reitor vigués o encargado de achegar ás e aos asistentes as liñas básicas do presente e o futuro da institución académica que dirixe desde o ano 2010. Mato lembrou a evolución dunha universidade que vén de cumprir o seu primeiro cuarto de século de vida e que froito do traballo sostido no tempo do seu persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do alumnado, foi quen de avanzar na procura da excelencia na docencia, a investigación e a transferencia, coa vista sempre posta e ao servizo da sociedade na que se insire.

O proceso de adaptación ao Espazo de Educación Superior, a consecución do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar e mesmo o envío de varios picosatélites ao espazo, son algúns dos fitos que lembrou Mato, que situándose no momento presente e cara ao futuro referiuse ao desenvolvemento do Campus do Mar na ETEA, á apertura en O Berbés dunha sede institucional ou a consolidación do Campus da Auga, Campus CREA S2i e do Vigo Tecnolóxico, e mesmo ao regreso a Vigo, tras case cincuenta anos en Nova York, do Pergamiño Vindel, como algúns chanzos que permitirán á institución continuar avanzando na construción dun futuro para o país e por riba de todo para as súas mozas e mozos.

16 anos de actividade

A entidade Vigueses Distinguidos constituíuse en 2001 co catedrático e ex reitor da Universidade de Vigo Luis Espada á fronte, co obxectivo de agrupar ás persoas galardoadas polo Concello de Vigo como vigués distinguido, para achegar ideas, opinións e suxestións para dinamizar a cidade. Antes do reitor da Universidade de Vigo, o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, o arquitecto e investigador Jaime Garrido; o presidente da Sociedad Filarmónica, Avelino San Luis ou o secretario xeral de Anfaco, Juan Manuel Vieites participaron no Café Vigués, nacido por iniciativa do actual comité directivo a entidade, presidida por Antonio Romero Lorenzo.