A caída da poboación activa e o incremento da temporalidade definen a EPA do segundo trimestre

A comparativa interanual reflicte unha alarmante perda de 6.600 activas e activos
Por o 27/07/2017 | Sección: CIG,Emprego,Galicia,Sindicatos
A caída da poboación activa e o incremento da temporalidade definen a EPA do segundo trimestre

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) referida ao segundo trimestre de 2017 confirma a alarmante precarización do mercado de traballo, derivada das políticas laborais aplicadas nos últimos anos. Como é habitual no segundo trimestre de cada ano, rexístrase un incremento da ocupación relacionada coas contratacións para o período estival. De aí que o maior medre do emprego se dea no sector servizos e na construción -no que se aproveitan a climatoloxía favorábel do verán para  realizar obras-.

Porén, para a CIG resulta especialmente preocupante a continuada perda de poboación activa. Neste último trimestre a poboación activa caeu en 500 persoas, pero se comparamos os datos co mesmo período do ano anterior vemos que hai 6.600 activas e activos menos. Este é un dos grandes problemas do mercado de traballo.

A isto hai que engadir que o 83% dos/as novos/as ocupados teñen un contrato temporal e de escasa duración, pois no 50% dos casos (onde a priori se sabe a duración do mesmo), o contrato de traballo é de un a tres meses; é dicir, están feitos exclusivamente para o período estival. Incluso nos sectores onde medra a ocupación, esta ten un carácter temporal. Se comparamos as cifras co segundo trimestre do pasado ano, hai 4.000 asalariados/as menos con contrato indefinido e, pola contra, 14.000 asalariados/as máis cun contrato temporal.

Tampouco hai que perder de vista que existen 68.000 familias (con algunha persoa activa) que teñen a todos os seus membros no paro. Estas cifras dan conta da enorme cantidade de poboación que se atopa en risco de exclusión social.

O PP, o goberno das cifras que esquece as persoas

O Secretario Confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Xabier Cartelle, denuncia que os datos da EPA reflicten o fracaso da política de emprego do PP, pois detrás dos discursos triunfalistas, estase consolidando un mercado laboral precarizado, caracterizado pola elevada rotación, os baixos ingresos, a falta de estabilidade, a perda de dereitos e un aumento alarmante da pobreza.

Neste senso, Cartelle defende a necesidade de mudar a cantidade pola calidade: “o PP é o goberno das cifras que esquece as persoas. Sempre destaca os números, pero é preciso que os números vaian acompañados de dereitos e calidade dos postos de traballo; e polo tanto de calidade de vida das traballadoras e traballadores deste País”.

Fronte ás políticas neoliberais aplicadas até o de agora, o Secretario Confederal de Emprego da CIG subliña a necesidade de que Galiza conte con autogoberno “para poder desenvolver políticas económicas e laborais que posibiliten acadar un mercado laboral con postos de traballo, salarios e condicións dignas, que supoña a inclusión no mesmo da mocidade (o desemprego xuvenil aumentou até o 48%) e que tire da exclusión social a milleiros de familias deste País”.

Principais resultados. Datos en miles | Fonte: EPA.IGE
Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.