A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa organiza case unha trintena de accións de internacionalización para 2018

Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Galicia,Vigo

A Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa organiza case unha trintena de accións de internacionalización para 2018

O calendario de accións de promoción internacional da Cámara Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa para 2018 será un dos máis completos dos últimos exercicios. O departamento de comercio exterior cameral levará a cabo este ano, e polo momento, un total de 27 accións entre misións comerciais directas (17), participacións (3) e visitas (7) a feiras internacionais nos cinco continentes. A ampla listaxe de destinos chega grazas á participación da Cámara no coñecido plan FOEXGA. Impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e coordinado polo Igape ao amparo do convenio de colaboración coas cámaras de comercio, o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA) ten entre os seus obxectivos- asentados tamén na complementariedade para evitar duplicidades-, os de fomentar e consolidar a presenza das empresas galegas no exterior.

A institución que preside José García Costas levará a cabo un total de 17 accións enmarcadas neste plan a Centroamérica, Irán, Australia e Nova Zelandia, Holanda, Tailandia e Filipinas, Singapura e Indonesia, Irlanda, República Dominicana e Porto Rico, Brasil, Dinamarca e Suecia, Finlandia e Repúblicas Bálticas, Nixeria, Benín e Camerún, Ghana e Costa do Marfil, Portugal, Canadá, EEUU e Colombia. A esta case trintena de mercados sumaranse outros tantos en poucos meses, dado que o departamento de Comercio Exterior está á espera de que se asine a participación cameral noutro importante programa: o Plan Internacional de Promoción (PIP) da Cámara de España, que se enmarca dentro do Programa Crecemento Intelixente FEDER 2014-2020, e que ten como fin apoiar ás empresas para incrementar as súas exportacións, mellorar a súa presenza nos mercados internacionais, así como avanzar na diversificación de mercados destino e na sofisticación das súas exportacións.

Presenza nas principais feiras do mundo

As accións programadas no marco do Plan FOEXGA permitirán ás empresas galegas acudir ás principais feiras do mundo, con subvencións de ata o 90 por cento. Gulfood Dubai e Cibus serán as feiras dedicadas á alimentación. Fish Bremen, Seafood Expo North America, Seafood Expo Asia, Seafex Dubai e a Seafood Processing Global os eventos destinados ás empresas de produtos do mar, maquinaria e peixe. E finalmente, as firmas especializadas na subcontratación industrial poderán acudir ás feiras de Hannover e Midest.

A listaxe completa de accións está dispoñible na web da institución www.camarapvv.es. Así mesmo, as empresas interesadas nalgunha destas citas poden dirixirse aos técnicos de comercio exterior de calquera das sedes camerais en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa ou facer as súas consultas no email [email protected]