O cambio de concesión preocupa as limpadoras de edificios municipais de Redondela

Temen unha regresión nas condicións laborais na nova concesionaria, Valoriza, que gañou pese a presentar a oferta máis baixa
Por o 11/11/2016 | Sección: CIG,Galicia,Redondela,Sindicatos,Vigo
O cambio de concesión preocupa as limpadoras de edificios municipais de Redondela

A Federación de Servizos da CIG en Vigo alerta das consecuencias que pode xerar para o persoal a mudanza na concesionaria do servizo de limpeza de edificios municipais de Redondela tras gañar en votación plenaria a opción de Valoriza, que presentou a oferta menor. Afirman que a estabilidade e melloras logradas nos últimos anos “poden ir ao traste”.

As máis de trinta mulleres que traballan no servizo de limpeza non queren volver padecer a situación de precariedade que viviron nos anos 90 con Limpezas Redondela, de Bibiano Morón, e que foron capaces de reverter grazas a unha loita tenaz co apoio da central nacionalista. Lembran que naquela altura, moitas delas “se atopaban sen contratos e sen seguridade social”, véndose na necesidade de realizar numerosas denuncias en Inspección e varias folgas, logrando finalmente que o Concello lles cotizase o non pagado durante anos.

Alén de apresentar a oferta máis baixa, Valoriza ten un amplo historial de incumprimentos en materia laboral

Por iso, e despois de lograren unha situación de estabilidade coa seguinte concesionaria, Limpezas Almi, temen un retorno ao pasado con Valoriza, empresa que saiu gañadora dun proceso “express” que precisou do voto de calidade do rexedor Javier Bas (PP) para saír adiante.

Desde a CIG-Servizos argumentan, de feito, que alén de apresentar a oferta máis baixa, Valoriza ten un amplo historial de incumprimentos en materia laboral noutras concesións. Así mesmo, e fronte aos argumentos do alcalde, lembran que a caducidade da concesión non deixaría desprotexidas as traballadoras, se non que existe a posibilidade ben de prorrogar a actual ou a de que sexa o Concello quen se faga cargo das nóminas até que saíse unha nova concesión “con tempo e forma”, algo do que xa existen procedentes no servizo de recollida do lixo. Critican, asemade, ao PSOE, que a pesar de oporse ao actual proceso “foi quen privatizou o servizo” no ano 1994.

Por todo isto, desde a Federación lembran que Valoriza “debe subrogar a todo o persoal” e aseguran que seguirán de perto os seus primeiros pasos á fronte do servizo. Tamén que “non se consentirá ningunha regresión”, sobre todo no tocante a xornadas e horario.