Cambios de localización e redución de alumnado por materias, principais novidades para o novo curso do Programa de Maiores

A docencia será presencial e tamén se ofertan, por primeira vez, materias virtuais

Se hai uns meses o alumnado da Universidade miraba cara este curso con inquedanza, os estudantes sénior da Universidade de Vigo tiñan aínda máis incertezas sobre como se ía desenvolver o seu regreso ás aulas ao seren, en moitos casos, poboación de risco. Pero as medidas de seguridade e os cambios de localización van permitir que o Programa de Maiores comece, a partir do día 28 deste mes, coa docencia presencial en todos os seus niveis.

Como explica José Luis González Cespón, director do Programa Universitario para Maiores, “este ano é algo diferente, xa que debido á pandemia debemos manter unha serie de protocolos de hixiene, distancia, etc. que limitan algúns aspectos respecto ao que viñamos facendo pero, mantendo estes protocolos, as clases vanse desenvolver dunha maneira moi similar a cursos pasados”.

De Torrecedeira ao campus

As principais novidades son o cambio de localización e a redución do número de alumnos en cada materia. Así, mentres en Pontevedra e Ourense as clases van seguir no mesmo campus, no caso de Vigo a docencia trasladarase de Torrecedeira ás facultades de Química e de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A este respecto, Cespón explica que tanto a Escola Universitaria de Estudos Empresariais como a sede da Escola de Enxeñería Industrial na cidade “precisan todo o seu espazo para desenvolver o 100% das súas clases presenciais de grao coa distancia de seguridade que debe manter o alumnado”, polo que foi necesario buscar outras instalacións para permitir a presencialidade tamén na docencia para o estudantado sénior”. Para iso “traballamos durante todo o mes de agosto na busca de alternativas”, polo que agradece “aos centros do campus cos que falei e que tentaron axudar a buscar un emprazamento alternativo e, en especial, a Química e CCXX e do Traballo, “onde finalmente se vai impartir o programa durante este curso 2020-2021”. Para tratar de facilitar ao alumnado e ao profesorado a adaptación a este novo escenario, apunta González Cespón, tamén se reestruturaron os horarios das clases, de modo que as materias de dúas horas semanais impartiranse o mesmo día.

Sobre as aulas, nos campus de Ourense e Pontevedra reaxustáronse os espazos para adaptarse ás distancia de seguridade, mantendo así o mesmo número de prazas. Isto é 30 prazas para as materias de lección maxistral e 15 para prácticas. Mentres, en Vigo as materias de lección maxistral vanse ofertar para 18 estudantes e as de carácter práctico oscilarán entre os 10 e os 15 para respectar as distancias de seguridade. Ademais, como novidade este curso tamén se ofertan algunhas das materias  do programa en formato virtual a través do Campus Remoto, tres no campus de Vigo (50 prazas en cada unha) e dúas en Ourense (30 prazas) e Pontevedra (25 prazas). “Se a experiencia é positiva, valoraremos a posibilidade de facer materias en liña intercampus nos vindeiros anos”, remarca Cespón.

No referido ás medidas sanitarias, adoptaranse as mesmas que se están a implantar nos centros da UVigo, con ocupacións reducidas nas aulas, distancias de seguridades, uso de máscaras e xel hidroalcólico, sinalización nos espazos para evitar os contactos, etc. que garanten suficientemente a seguridade de todo o profesorado e o alumnado.

Todas estas medidas explicaranse ao alumnado nun acto de benvida que terá lugar antes do comezo da docencia.

Prazo de matrícula aínda aberto

Actualmente aínda están abertos os prazos de matrícula para o Programa de Maiores, tanto no ciclo intensivo como no integrado. O intensivo, con 54 créditos, é a etapa inicial do Programa de Maiores, na que os alumnos e alumnas intercambian coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, sen necesidade de ter ningunha titulación previa. Neste ciclo, que ten unha duración de tres anos, poden inscribirse as persoas con idade igual ou superior a 55 anos, sendo o número máximo de alumnado que poderá ser admitido en primeiro curso de 50 persoas en cada un dos campus. En caso de quedar prazas sen cubrir, poderase admitir alumnado con idades inferiores a 55 anos, pero en ningún caso inferior a 50 anos. Unha vez realizada a inscrición, o prazo de matrícula abrirase entre o 8 e o 22 de setembro. Tamén nesta quenda poderá matricularse o estudantado que xa rematase o ciclo intensivo e queira seguir neste ciclo en materias soltas non superadas.

Pola súa banda, o ciclo integrado está pensado como continuación da etapa previa, co que obterán o título de Universitario Superior Sénior. Nesta etapa poden matricularse as persoas que teñan superado o ciclo intensivo (titulado/a universitario/a sénior ou graduado/a universitario/a sénior) ou ben todos os que estean en posesión de calquera outra titulación oficial universitaria e teñan unha idade igual ou superior a 50 anos. O prazo de matrícula para este nivel está xa pechado.

O curso pasado, no que a docencia dende marzo se desenvolveu de xeito virtual como no resto da Universidade, estaban matriculadas 600 persoas entre os tres campus da UVigo. De cara a este novo ano académico, González Cespón recoñece que se agarda unha caída da matrícula da orde do 40%, fundamentalmente porque a docencia en Vigo se traslada ao campus, cando habitualmente se desenvolvía no centro da cidade, e “porque hai algunhas persoas con patoloxías crónicas”, conclúe.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM