Galicia participa con voz e voto na primeira xuntanza do novo Conselho Consultivo do Caminho de Santiago en Portugal

A Xunta brindou a súa colaboración para achegar a súa experiencia na certificación e a xestión integral das Rutas Xacobeas
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Portugal,Turismo

Galicia participa con voz e voto na primeira xuntanza do novo Conselho Consultivo do Caminho de Santiago en Portugal

Galicia é a única entidade non lusa presente no Conselho Consultivo do Caminho de Santiago, cuxa constitución oficial tivo lugar hoxe en Lisboa no Pazo da Ajuda, sede do Ministerio de Cultura. Este órgano consultivo, que está constituído por quince membros, é o órgano asesor da Comissão Ejecutiva do Caminho de Santiago, o órgano de coordinación xacobeo no ámbito nacional portugués. Trátase dun novo ente que, xunto co Conselho Científico do Caminho de Santiago, traballa tanto para a certificación das rutas xacobeas no país luso, como na xestión, salvagarda, valorización e promoción dos Camiños de Santiago en Portugal.

A esta primeira reunión e acto de constitución solemne, presidida pola directora xeral de Patrimonio Cultural da República portuguesa, Paula Silva, asistiu en representación da Xunta de Galicia o director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño, Isaías Calvo. Entre as funcións do Conselho Consultivo do Caminho de Santiago de Portugal destacan a preservación do patrimonio natural, histórico, artístico e cultural, a avaliación das medidas de certificación asociadas aos Camiños de Santiago, así como a atención e a acollida aos peregrinos.

Na reunión de hoxe, na que Galicia brindou a súa colaboración en base a súa experiencia na certificación e xestión integral das Rutas Xacobeas que transitan pola nosa Comunidade, tratáronse diferentes asuntos tales como a organización dos traballos do Consello Consultivo ou a aprobación da metodoloxía e dos regulamentos de funcionamento interno da Comisión certificadora, que é responsable en última instancia da salvagarda, sinalización e acompañamento de peregrinos nas rutas portuguesas. Tamén se aprobou o procedemento de valoración da certificación asociado ás funcións e responsabilidades deste Consello asesor.

Rutas en auxe

Ademais da Xunta de Galicia, forman parte deste Consello administracións locais lusas, institucións eclesiásticas e outras entidades de interese e utilidade pública para o mantemento das infraestruturas relacionadas co Camiño, para a promoción do turismo e da cultura, para a salvagarda da paisaxe, así como para a preservación do patrimonio histórico vencellado ao Camiño de Santiago.

O Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa son dous dos itinerarios que están experimentando unha gran revitalización. De feito, o Camiño Portugués foi percorrido este ano xa por máis de 54.000 peregrinos, rexistrando un incremento de preto do 9% con respecto a hai un ano e situándose como o segundo itinerario máis percorrido. Pola súa banda o Camiño Portugués da Costa foi transitado por máis de 15.476 peregrinos, un 43% máis que hai doce meses, pasando a ser terceiro máis transitado. Así pois, en conxunto, nos primeiros oito meses do ano recolleron a Compostela preto de 70.000 peregrinos procedentes dos Camiños Portugueses.

Deste xeito, a participación de Galicia no Conselho Consultivo do Caminho de Santiago de Portugal vén a reforzar a alianza estratéxica entre Portugal e Galicia na procura da promoción e da dinamización do Camiño de Santiago na Península Ibérica, desde Europa e para o mundo.