Campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015

Publicado por o día 20/04/2015 na sección de Asamblea Aberta Coia,Social

Campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2015

Achegamos a información da CAMPAÑA GALEGA pola OBXECCIÓN FISCAL aos GASTOS MILITARES 2015 que lanzan as compañeiras do Espazo Aberto Antimilitar. Estamos moi agradecidas, xa que nos propoñen, xunto ao Grupo Tortuga, como un dos destinos onde desviar os cartos da nosa declaración da renda.

Achegamos o texto da campaña deste ano, e se queredes saber máis desta campaña visitade a web do Espazo Aberto Antimilitar: www.nonaogastomilitar.org

Se o ano pasado lembrabamos os 25 anos da insubmisión en Galiza e no Estado Español en xeral, este ano queremos facer fincapé na necesidade de que a loita que supuxo contra as guerras e o militarismo continúe sendo unha realidade.

A nivel mundial estamos vivindo o que semella unha escalada dos conflitos armados. Ás guerras xa enquistadas de Afganistán, Iraq, Palestina, Somalia, Sudán, RD do Congo, etc., súmanse o avivamento dos enfrontamentos na República Centroafricana ou Iemen e novos focos en Siria, Libia ou Ucraína.

Pero, dende a óptica dos países chamados occidentais, as guerras xa non se libran só no exterior. O primeiro ministro declarou a Francia en estado de guerra despois do ataque á revista Charlie Hebdo e xunto a Alemaña, Reino Unido, Bélxica e Holanda comezaron a preparar medidas especiais de control, como a potestade dos ministerios de interior para retirar os documentos de identidade a cidadáns europeas consideradas sospeitosas. Pero non só isto, parece que a creación da gran base de datos compartida entre estados, bloqueada ata agora polo Tribunal de Xustiza da UE e que rexistra, entre outros, os datos de pasaxeiro/as (dende o nº de tlf á comida consumida nos voos) está cada vez máis próxima.

Logo do 11S, EEUU implantou a Patriot Act para permitir a tortura, creouse Guantánamo, Abu Graib, cárceres secretas, voos secretos da CIA e programas masivos de espionaxe á poboación. Agora,unha vez máis coa escusa da seguridade, preténdense recortar novamente os dereitos á intimidade, privacidade á mobilidade, as liberdades de prensa e expresión e as garantías cidadás. Especialmente internet e as redes sociais serán obxecto de vixilancia e seguimento e continuarase coa criminalización daquelas persoas ou colectivos que tenten oporse e denunciar esta realidade.

No estado español PP e PSOE asinaron o 2 de febreiro deste ano o seu cuarto pacto antiterrorista, neste caso contra o chamado yihadismo, baixo a premisa de que “a unidade é necesaria contra todos os que ameazan o sistema” e para “enviar unha mensaxe nítida aos radicais”. A nova lei antiterrorista, xunto á reforma do código penal (que, entre outras cousas instaura a cadea perpetua) e a coñecida como lei mordaza (oficialmente, nunha denominación moi orwelliana, “lei de seguridade cidadá”) foron aprobadas o pasado 26 de marzo.

Como vemos, a guerra contra os pobos, e a día de hoxe de xeito máis palpable para nós, a guerra directa contra as persoas (tamén a indirecta, a través da exclusión e desposuimento) continúan máis vivas ca nunca. Polo tanto, é imprescindible para nós manter tamén viva a resistencia.

PRENSA ASAMBLEA ABERTA COIA