Campionato Galego de tenis praia, esta fin de semana en Samil, cunha exhibición ante xogadores do Vigobao

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, promocionouno no propio areal vigués cunha improvisada partida sobre unha das catro pistas instaladas para o evento.
Publicado por o día 23/08/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Campionato Galego de tenis praia, esta fin de semana en Samil, cunha exhibición ante xogadores do Vigobao

As instalacións de Vigoarena, na praia de Samil, albergarán dende este sábado (10:30 horas) ao domingo polo serán a decimosegunda edición do Campionato de Galicia de tenis praia, unha modalidade estival que está a gañar adeptos.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, promocionouno no propio areal vigués cunha improvisada partida sobre unha das catro pistas instaladas para o evento, primeiro facendo parella con Olalla Fernández fronte a Diego Negreira e Begoña Montenegro, números 1, respectivamente, do ránking galego masculino e feminino, e despois facendo un inusual tres contra tres ante Ignacio Garrido (número 3), Olalla Fernández (nº2) e o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera.

O evento conta con 29 parellas inscritas, un récord de participación respecto de calquera edición pasada, e o 80% do Top Ten do ránking galego xogará en Samil. Duplícase, ademais, o número de parellas que competiu en Pontevedra en 2018.

Aos títulos das categorías de dobres masculina e feminina súmase a de dobres mixta como campionato oficial por vez primeira. O evento celébrase nas instalacións do programa municipal Verándeportivo, que colabora con este Campionato de Galicia e xa leva unha ducia de anos promocionando o tenis praia co Trofeo Cidade de Vigo.

O rexedor, que departiu cos xogadores e federativos, vestiuse a camisola do Vigobao, club de tenis praia local, e animou a que o público se achegue a Samil para presenciar un gran espectáculo. As parellas vencedoras masculina e feminina terán billete para o vindeiro Campionato de España, en 2020.

As actuais campioas de Galicia, Begoña Montenegro e Rita Pena, son de Vigo -aínda que nesta edición xogarán con outras parellas), así como os subcampións masculinos, Diego Negreira e Guillermo Arbuniés.

Este verán a Federación Galega de Tenis creou o Circuíto Galego (seis probas de xullo a agosto máis este Campionato de Galicia), que se iniciou precisamente en Samil e que rematará con esta competición no mesmo escenario.