O Campus Camp ofrece 260 prazas para un verán viaxando no tempo

Poderán participar rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos durante xuño, xullo e setembro
Por o 23/05/2017 | Sección: Universidade de Vigo,Vigo
O Campus Camp ofrece 260 prazas para un verán viaxando no tempo

Coa chegada do verán regresará á Universidade o Campus Camp, un campamento estival cun programa completo de actividades que mesturan a diversión e a aprendizaxe destinado especialmente para as fillas e fillos das persoas traballadoras e estudantes da Universidade de Vigo. Ofértanse 260 prazas (60 para Ourense e 200 para Vigo e Pontevedra) destinadas a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que, durante os meses de xuño, xullo e setembro, cambirán as escolas infantís e os colexios polos campus universitarios. Cun amplo programa de actividades deseñados atendendo á idade, durante estes tres meses poderán participar en obradoiros de diversos deportes, idiomas, teatro, manualidades,cine, piscina ou música. O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, 22 de maio, ata o día 2 de xuño para os campus de Ourense e Vigo.

O Campus Camp vense desenvolvendo desde hai máis dunha década na Universidade de Vigo tratando de fomentar a conciliación da vida laboral e familiar da comunidade universitaria e ofrecendo unha alternativa estival que mesture actividades docentes e lúdicas para os máis cativos da casa. A súa achega para facilitar a harmonización dos horarios familiares unha vez remata o curso escolar en primaria, valeulle no ano 2015 o premio Uviguala que outorga a Unidade de Igualdade da Universidade.

Un verán viaxando polo tempo

En cada edición as actividades do Campus Camp xiran arredor dunha temática diferente. Se ben o ano pasado o tema elixido foi unha viaxe polo mundo, desta volta as rapazas e rapaces participarán nunha serie de obradoiros que os levarán a viaxar polo tempo, divididos en catro grupos de idade que son de 3 a 4 anos, de 5 a 6 anos, de 7 a 8 anos e de 10 a 12 anos. Ao longo do verán irán cambiando dun momento histórico a outro, trasladándose a primeira semana á época medieval; a segunda, á antiga Roma; a terceira, aos anos 20; a cuarta, ás décadas de 1970 e e 1980; a quinta, á actualidade, e na última semana viaxarán ao futuro. A través de diferentes actividades e axudados por monitoras e monitores coñecerán algunhas das características destas épocas históricas a través dos xogos da cada época, os costumes, etc.

A diversión organízase en quendas

O pasado ano inscribíronse no Campus Camp 163 nenas e nenos en Vigo e Ourense que ao longo das semanas participaron en actividades moi diversas, como contacontos, manualidades, procura do tesouro, teatro, baile, gyncanas e informática. Para este curso ofrécense 260 prazas para un rango de idade de entre 3 e 12 anos, aínda que poderán inscribirse rapazas e rapaces de 13 anos sempre que tivesen participado na edición anterior. As nais e pais da comunidade universitaria que queiran apuntar as súas fillas e fillos a este campamento, que comeza o vindeiro 26 de xuño, poderán facer a inscrición desde hoxe, 22 de maio, ata o día 2 de xuño a través da plataforma Culturxest. Tras o período de reserva previa, no campus de Pontevedra queda cancelada a súa realización, pero as nais e pais que así o desexen poderán inscribir ás súas fillas e fillos no campus de Vigo.

Nesta edición do Campus Camp as prazas distribúense en varias quendas que se adaptan ás necesidades de conciliación das nais e pais. A quenda completa comprende a última semana de xuño, o mes de xullo completo e o de setembro ata que comece o curso escolar e ten un prezo de 160 euros por participante. Tamén se pode optar por inscribir ás nenas e nenos só durante o mes de xullo, sendo o custe de 120 euros, ou ben unha quincena deste mes por 60 euros. Outra alternativa é que as rapazas e rapaces participen no Campus Camp só en xuño ou só en setembro, cun prezo de 30 euros respectivamente. Finalmente, as nais e pais que así o precisen poderán inscribir ás súas fillas e fillos en días soltos, custando esta modalidade de matrícula 8 euros. Estes prezos contan, ademais, cunha dedución do 10% para a segunda filla ou fillo, un 15% para a ou o terceiro, un 20% para a ou o cuarto e un 25% para a ou o quinto, agás no caso dos días soltos que seguirá sendo de 8 euros por nena ou neno ao día.

Para coñecer con detalle a información relativa ao Campus Camp realizarase unha reunión informativa no campus de Vigo o día 15 de xuño.