Campus do Mar creará un laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña

Coa participación de universidades e centros de investigación de Galicia e Portugal
Publicado por o día 23/07/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Campus do Mar creará un laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña

Cooperación eurorrexional e excelencia científica. Estas son as dúas claves do proxecto BlueBioLab, un dos tres que a Universidade de Vigo conseguiu na convocatoria Poctep 2019. A finalidade desta proposta, liderada por Campus do Mar e cun orzamento de 1.122.152€ (dos que 841.614€ corresponden a axudas Feder), é a creación dun laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña. Xunto coa UVigo, que coordinada o proxecto, están implicadas as universidades da Coruña, Santiago e Minho, o CSIC, o Instituto Español de Oceanografía e o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha E Ambiental, Ciimar.

A reunión de lanzamento desta iniciativa tivo lugar este martes na Facultade de Ciencias do Mar e, ante os medios de comunicación, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, explicaba que o obxectivo é a creación dun laboratorio transfronteirizo de excelencia científica en biotecnoloxía mariña que impulse as capacidades de I+D que xa teñen cada unha das institucións socias. “Pretendemos que BlueBlioLab estableza os recursos e mecanismos para afianzar, estimular e proxectar internacionalmente liñas de investigación estratéxicas para o territorio da eurorrexión e o sector produtivo mariño, impulsando a capacidade innovadora que xa temos por separado e a competitividade a través dunha área que xa é altamente competitiva”.

Pola súa banda, o director do Campus do Mar, Daniel Rey, puxo en valor a contorna deste proxecto, a eurorrexión, con 6,4 millóns de habitantes que viven nunha zona fronteiriza na que se desenvolven o 49% dos intercambios entre España e Portugal, o que a converte nun foco “moi relevante dende o punto de vista das transaccións económicas e do movemento de persoas e mercancías”. Lembraba tamén que o laboratorio será unha rede da que formarán parte os grupos de investigación e infraestruturas que xa existen en ambos países. “A través deste novo organismo tratarase de impulsar a capacidade para desenvolver a excelencia en materia de investigación e innovación e internacionalizar as capacidade de I+D+i nesta eurorrexión”.

O IP do proxecto, José Manuel García, director da Ecimat, márcase como obxectivo que este laboratorio impulse a capacidade para desenvolver excelencia en materia de I+i, internacionalice as capacidades de I+D+i da eurorrexión, optimice o uso de infraestruturas e contribúa a acadar os resultados esperados nas RIS3, RIS3T e a estratexia de crecemento azul (blue growth). Así, o persoal investigador involucrado centrarase nalgúns dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade e o medio ambiente, a través do estudo dos recursos biolóxicos mariños prestando especial atención a súa explotación sostible. As liñas de investigación preferentes abordarán temas como acuicultura e biotecnoloxía, desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña.

Retos e oportunidades para BlueBioLab

A presentación desta proposta á convocatoria Poctep 2019 responde á identificación de varias eivas nesta contorna da eurorrexión. E é que a pesar do dinamismo que exhiben certos sectores vinculados ao mar, Daniel Rey lembra que a competitividade xeral da área da eurorrexión “é inferior á media da UE e ambas rexións están por debaixo da media europea en innovación”, froito en boa medida, da redución do investimento de I+D tras a presión constante para reducir do déficit. Ademais, como se recolle na memoria do proxecto, “a atomización” dos centros que se incorporan á rede “favorece o carácter local dos procesos de innovación e limita os beneficios das economías de escala”. Por iso, BlueBioLabs marcouse como obxectivo “potenciar unha investigación transfronteiriza e interdisciplinar na eurorrexión no ámbito da biotecnoloxía aplicada ao medio mariño, reunindo grupos de investigación de referencia internacional, e promovendo intercambios de coñecemento e experiencia e accións de formación e internacionalización que deriven nunha maior eficiencia das políticas e actuacións en materia de I+D+i”.

Pero a posta en marcha do proxecto desenvólvese non só rodeada de retos, senón tamén de oportunidades, como destacaba Daniel Rey, entre elas unha poboación nova moi formada e con experiencia en I+D, a existencia de estratexias de especialización intelixente e de centros de investigación de referencia e iniciativas de excelencia no eido mariño en ambas beiras do Miño. Todos estes factores serán tidos en conta e aproveitados no proceso de creación do laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña.

Acuicultura e biotecnoloxía, tecnoloxías ómicas e biomateriais

As liñas de investigación preferentes para este proxecto son a biotecnoloxía, o desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e a utilización de tecnoloxías ómicas. No que se refire ao primeiro dos puntos, a investigación en biotecnoloxía permitirá avanzar na sostibilidade da acuicultura, estratéxica para Galicia, e reforzar a sostibilidade deste sector como fonte de alimentos saudables de alta calidade para o futuro.

Pola súa banda, a I+D sobre tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña permitirá descifrar a complexidade de interaccións biolóxicas e ambientais que se producen nos ecosistemas mariños. Isto axudará a dar valor aos recursos do mar e a economía marítima destacando tamén o sector turístico, o coñecemento e protección da biodiversidade para “prever e adaptarse aos efectos do cambio global sobre os ecosistemas mariños, protexer o patrimonio ambiental mariño e predicir e adaptarse a fenómenos biolóxicos como as floracións masivas de microalgas tóxicas”.

Por último, as investigacións focalizadas en novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariña apóianse nos avances científicos e tecnolóxicos rexistrados dentro das biociencias, que melloran continuamente o coñecemento dos recursos mariños. Por exemplo, poderase estudar a un nivel sen precedentes a secuencia e expresión do ADN dos organismos na busca para bioactivos, novos biomateriais, proteínas e alimentos seguros, sostibles e saudables.

Comentar noticia

Your email address will not be published.