O campus de Vigo volve á normalidade tras horas de acoso das lapas

As clases reanudaranse este martes trala suspensión de hoxe
Publicado por o día 16/10/2017 na sección de Educación,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O campus de Vigo volve á normalidade tras horas de acoso das lapas

Despois que as lapas, que nas últimas horas ameazaron o campus de Vigo, se achegasen a tan só 400 metros dos terreos sobre os que se asenta a institución académica, a Universidade de Vigo recupera hoxe a normalidade, á espera de que mañá martes se reanuden as clases, suspendidas trala decisión adoptada polo equipo de Goberno na tarde do domingo. A proximidade das lapas, que na tarde de onte afectaron ao Galiñeiro, Zamáns e á avenida Clara Campoamor sumada á incerteza da súa evolución por mor do vento, levaron ao equipo de Goberno, dirixido por Salustiano Mato, que estes días se atopa en Cabo Verde, desde onde seguiu en todo momento a evolución dos acontecementos, a acordar a evacuación do campus de Vigo e moi especialmente á da residencia de estudantes, ocupada nese intre por uns 65 alumnas e alumnos, que foron trasladados nun autobús municipal a un hotel do centro de Vigo. “O campus de Vigo, dentro da desgracia que nos rodeou, tivo sorte de non verse afectado. É certo que as infraestruturas estiveron en risco nalgún intre porque as lapas se achegaron preto, pero a realidade é que o campus librou bastante ben. Aquí a situación non foi tan dramática se se compara co que estaba a pasar noutros sitios”, explica o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, que confirma a volta á normalidade no campus vigués desde primeira hora desta mañá, coa apertura de todos os centros nos horarios habituais para que “quen quixese desempeñar a súa función puidese facelo. Somos un servizo público e a nosa obriga é manter as portas abertas”, explica.

A presenza da chuvia e da néboa e a baixada das temperaturas experimentada desde esta madrugada, contribuíu de xeito decisivo á volta a normalidade no campus vigués, que será total mañá martes cando se reanuden as clases, suspendidas nas últimas horas do domingo ante as dificultades que o alumnado podería ter para chegar ao campus, tendo en conta os cortes rexistrados nalgunhas das estradas de acceso a Vigo. Fernández Jáuregui destaca que o traballo desenvolvido pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade fai posible que os terreos do campus estean limpos, “nós si facemos o traballo e somos sensibles co medio ambiente, pero coas temperaturas e a intensidade das lapas e do vento que vivimos onte, a situación podería terse complicado moito”, sinala o xerente, que lamenta a morte de varias persoas e considera que cómpre que se abra un período de reflexión para evitar que estas situacións volvan a repetirse. “A Universidade non pode alonxarse da realidade que a rodea e as administración deben tomar medidas para que isto non se reproduza. Ten que ser unha lección e non se pode volver repetir nunha zona tan poboada, tan industrializada, porque se pon en risco a vida humana”, explica.

O alumnado desaloxado da residencia xa está de volta

Pasadas as 11 da mañá os 65 estudantes que onte foron desaloxados da residencia do campus regresaban nun autobús que os recolleu ás portas do hotel no que pasaron a noite no centro de Vigo. “Foi unha tarde complicada porque pouco a pouco foise enchendo todo de fume, facía moita calor e caían algunhas faiscas, polo que desde mediodía pechamos as ventás. Víanse as chamas no Galiñeiro e impresionaba bastante, pero afortunadamente o lume non chegou ao campus”. Así explica o coruñés Darío Pérez, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais, como viviu a tarde de onte na residencia do campus. “A iso das seis avisáronnos por megafonía que ían desaloxar a residencia por motivos de seguridade e o certo é que foi todo moi rápido e organizado”, continúa explicando, ao que engade que “a policía chegou axiña e xa todos estabamos preparados cunha pequena bolsa de equipaxe e un autobús agardándonos na porta”, engadiu. Ao seu carón, xa de volta nas instalacións da residencia, Kharan-Kumar, alumno tamén da EE Industrial, viviu eses instantes desde a estación do tren no centro da cidade procedente de Vilagarcía e xa non chegou a subir ao campus. “Moitos estabamos regresando e xa non chegamos a subir, pois temos un grupo de whatsapp da residencia e estivemos coordinados en todo momento”, recalca.

Con moitos máis nervios que as e os estudantes galegos viviron a tarde os procedentes de fóra da comunidade. Tiffany Deniam, estudante francesa de intercambio en Vigo, admite que pasou moito medo. “Nunca vivira unha situación similar a esta e asusteime moito, afortunadamente xa pasou todo”, explicou nada máis entrar nas instalacións da residencia. “A min o certo é que me sorprendeu ver a xente de aquí tal calmada, non se puxeron nerviosos en ningún momento”, apuntou a canaria Rita Rodríguez, estudante de Enxeñaría da Enerxía. “O desaloxo foi rápido e tranquilo e a policía mesmo se achegou ata a estación do tren para informar alí aos estudantes que ían chegando da ubicación do hotel e demais”, engadiu Pérez.

Pola súa banda, a directora da residencia, Mónica Costas, explica que “o desaloxo produciuse con normalidade, así como o desprazamento nun autobús achegado polo Concello, que trasladou aos estudantes que nese intre se atopan na residencia a un hotel do centro de Vigo. Ademais outros estudantes marcharon nos seus propios vehículos”, relata a directora, que agradece a actuación e o trato que en todo momento recibiron por parte dos concelleiros de Benestar Social e Deportes do Concello de Vigo, así como por parte de policía e bombeiros, e mesmo de propietarios de taxis que se ofreceron a baixar ao alumnado de xeito gratuíto ata o centro de Vigo. Ao longo da xornada e aínda que hoxe a actividade académica está suspendida, están a regresar á residencia as e os estudantes que alí están aloxados e que este curso superan os 200.