Candidatura de concellos transfronteirizos do Miño volve ter opcións para conseguir fondos europeos

O proxecto ‘Visit Río Miño’ pasará a ser analizado polo comité de valoración, que resolverá no mes de marzo se outorga ou non o financiamento.
Por o 23/02/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Portugal,Valença,Vila Nova de Cerveira
Candidatura de concellos transfronteirizos do Miño volve ter opcións para conseguir fondos europeos
Compartir en:

A candidatura de cooperación transfronteiriza ‘Visit Río Minho’ presentada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal (CIM) Alto Minho será finalmente admitida e valorada na primeira convocatoria para obter fondos europeos do programa INTERREG V A –POCTEP. Así llo comunicou hoxe verbalmente o director xeral de Fondos Comunitarios Jorge García ao deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez. Isto supón que os concellos galego-portugueses da ‘raia’ volverán ter opcións para acadar os 5,6 millóns de euros solicitados á UE para desenvolver actuacións conxuntas que poñan en valor o territorio do Miño.

Segundo puido saber o deputado no encontro mantido en Madrid, os servizos xurídicos do Ministerio de Facenda teñen intención de resolver de forma positiva as alegacións presentadas logo de que a candidatura ‘Visit Río Miño’ non fora admitida inicialmente por un defecto de forma na súa presentación. Hai que lembrar que a proposta galego-portuguesa fora introducida na plataforma telemática da UE por un funcionario cuxa sinatura non estaba autorizada, o que supoñía que o documento nin sequera ía ser analizado no seu contido: simplemente quedaba fóra.

Nas alegacións presentadas pola CIM e a Deputación solicitouse que o defecto de forma non se tivese en conta, xa que na documentación presentada quedaba claro que todas as administracións implicadas respaldaban a candidatura. Así mesmo, subliñábase que o beneficiario da proposta era o territorio con maior poboación de toda a fronteira galego-portuguesa. Finalmente, dende o Ministerio sinalan que nos próximos días solicitarán ás partes implicadas documentación aclaratoria e comunicarán formalmente a decisión definitiva de aceptar as alegacións.

Unha vez salvado este primeiro contratempo, a candidatura de cooperación transfronteiriza dos concellos do Miño terá que pasar un segundo filtro: o comité de valoración debe analizar as actuacións propostas para as que se solicita financiamento (o 75% dos 7,5 millóns de euros de investimento total). A resolución chegará no mes de marzo, cando se saberá se a ‘raia’ do Miño terá cartos europeos e a cantidade definitiva que recibe, xa que pode suceder que só sexan aceptadas parte das iniciativas ou subvencionadas nunha porcentaxe diferente da prevista.

Que supón a candidatura?

A candidatura ‘Visit Rio Minho’ pretende desenvolver actuacións para preservar e poñer en valor o río Miño transfronteirizo mediante un orzamento total de 7.465.603,74 euros.

O obxectivo principal é capitalizar a marca ‘Rio Minho’ a través dun conxunto de actividades que potencien os recursos endóxenos da zona como un destino ecoturístico de referencia estatal e internacional.

Estas actuacións, entre outras, concrétanse na elaboración da candidatura do estuario do Miño como paisaxe cultural da Unesco, a promoción e organización de eventos experienciais de deporte, a asistencia a feiras de turismo, inversións para a mellora da preservación do patrimonio natural do río, o desenvolvemento de centos de interpretación dos recursos naturais, a valorización dos produtos da pesca mediante a súa trazabilidade ou actuacións de vertebración do espazo común cunha rede de itinerarios transfronteirizos.

Os concellos beneficiarios destas actuacións serán A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo e Crecente pola parte pontevedresa, e Caminha, Vila Nova de Cerveira, Paredes de Coura, Valença, Monçao e Melgaço, pola parte portuguesa.