Cangas acollerá a segunda edición da “Mostra do Posible”, un encontro de economía social e solidaria e dos movementos sociais

O evento está organizado pola asociación Reencanto Producións de Vigo e conta coa colaboración do Concello de Cangas, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS Galicia) e o Colectivo FairCoop Galiza. Terá lugar os días seis e sete de outubro deste ano
Por o 11/09/2018 | Sección: Cangas,Galicia,Social
Cangas acollerá a segunda edición da “Mostra do Posible”, un encontro de economía social e solidaria e dos movementos sociais

A vila de Cangas acollerá de novo os vindeiros días 6 e 7 de outubro a Mostra do Posible, un evento que quere servir como punto de encontro entre as organizacións que traballan na economía social e solidaria, os movementos sociais organizados, e a cidadanía. A Mostra do Posible está organizada este ano pola asociación Reencanto Producións de Vigo e conta co apoio do goberno municipal da vila morracense. Tamén colaboran de maneira destacada no seu hacer a Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS Galicia) e o Colectivo FairCoop Galiza.

O evento terá dúas seccións ben diferenciadas. A primeira delas é un amplo espazo de encontro na Alameda Nova onde os colectivos poderán colocar postos informativos dende os que dar a coñecer as súas actividades ao tempo que tecen redes con colectivos afíns, mentres que a segunda materializarase nun ciclo de obradoiros e palestras que se estenderá durante toda a fin de semana na mesma alameda como no edificio do Concello de Cangas. En caso de choiva tanto os postos expositivos como as actividades desprazaranse á Casa da Cultura.

Uns 100 colectivos e empresas solidarias distintas están convidadas a participar nesta Mostra do Posible´18, cuxa finalidade, segundo un dos organizadores do evento, David Esperón, é “amosar á cidadanía que existen xa propostas alternativas que permiten a construción dun mundo máis xusto”. Hoxe en día,engade, “é posible contratar a factura da luz cunha cooperativa de enerxía verde, depositar cartos en entidades de banca ética ou mercar produtos ecolóxicos certificados por un selo horizontal e democrático”. Sen embargo, esas alternativas “apenas son coñecidas pola xente común”, o que “limita moito a súa capacidade de medrar e acadar unha verdadeira forza transformadora”. “Esa é a razón principal de promover esta Mostra do Posible”, conclúe.

Ata o de agora, a Mostra do Posible conta coa participación confirmada uns vinte colectivos, entre elas a Plataforma SOS Sanidade Pública, Fiare Banca Ética ou a cooperativa enerxética Nosa Enerxía. Aquelas entidades que desexen participar, xa sexa cun posto ou nalgunha das conferencias ou obradoiros, están aínda a tempo de facelo. Só teñen que dirixirse á páxina web http://www.mostradoposible.gal e encher o formulario de contacto, ou escribir ao enderezo electrónico mostradoposible@gmail.com. O prazo de inscricións remata o día 13 de setembro.

Entre as actividades a realizar este ano, xa están confirmadas: unha palestra impartida por REAS “Por que a Economía Social e Solidaria é unha ferramenta para a transformación social?”, a proxección do film “La mujer invisible” de Noemí Chantada que retrata a realidade da prostitución no noso entorno e a presentación da plataforma on line benmercado.gal para a venda de produtos e servizos da Economía Social. Ademais de estas actividades formativas haberá tamén parte do tempo para outras lúdicas como unha actuación de maxia, obradoiros para os máis pequenos e outras sorpresas que a organización ten preparadas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.