Cangas entra na terceira onda sen sistema de desinfección COVID para o 061

A empresa “Ambulancias do Atlántico – Grupo Orthem” decide retirar de forma definitiva a máquina de Ozono coa que se complementan as tarefas de desinfección.
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Coronavirus,Cangas,CIG,Galicia,Salud,Sanidad,Sindicatos

Cangas entra na terceira onda sen sistema de desinfección COVID para o 061

O pasado día 16 de novembro, os responsables da Empresa “Ambulancias do Atlántico – Grupo Orthem” decidiron retirar a máquina xeradora de ozono coa que se complementan as tarefas de desinfección dos vehículos sanitarios tras a atención e o traslado polo persoal sanitario do 061 dos pacientes con signos de sospeita ou confirmación por COVID-19.

Pese a que a empresa alega que foi retirada para sometela a unha reparación, o persoal técnico da base de Cangas denuncia que tan só se trata da substitución dun fusible, para o que non se tardan máis de 2 meses. Ademais, o prezo destas máquinas xeradoras de ozono teñen un custe de 75€, o que non xustifica que non se poida proceder a súa inmediata substitución.

A CIG denuncia que detrás desta decisión existe unha campaña de ataque ao sindicato nacionalista en vinganza polas decenas de reclamacións e denuncias que acumula a empresa en distintas administracións como a Inspección de Traballo e Seguridade Social ou na propia Garda Civil. Na actualidade, existen xa actas de infracción e requirimentos de Inspección con multas por vulnerar os dereitos fundamentais do persoal traballador e aos seus representantes sindicais, ademais de poñer en perigo a súa saúde e seguridade.

O obxectivo dos responsables de “Ambulancias do Atlántico, SL” é o de impedir a participación dos delegados de prevención para evitar que reclamen os materiais e as medidas necesarias para evitar gastos e poder efectuar recortes obtendo así máis beneficios da asignación que recibe do SERGAS. No seu afán por incrementar o seu beneficio a costa de abaratar o custe do servizo, o novo xerente enviado dende Murcia para poñerse á fronte da empresa, Diego Guirao, chegou incluso a ameazar por escrito a un delegado da CIG si continuaban as denuncias. Incluso intenta amedrentar a calquera afiliado ou representante do sindicato nacionalista co envío de notificacións de expedientes disciplinarios.

O sindicato nacionalista esixe á actual concesionaria que estableza un protocolo coa participación da representación legal dos traballadores, tal e como esixe a Lei de prevención de Riscos Laborais, para definir o mellor sistema de desinfección posible para as ambulancias. Na actualidade, o ozono non deixa de ser un complemento da limpeza de superficies que non ten demostrada a súa eficacia fronte á COVID e non está exenta de riscos para o persoal traballador.

A poboación de Cangas sen ambulancia do 061 durante horas pese ao aumento dos casos

O feito de que o Centro de Traballo de Cangas careza dun sistema de desinfección COVID propio, obriga a que estás tarefas se realicen nas instalacións que Ambulancias do Atlántico ten na cidade de Vigo. Isto provoca que a ambulancia tarde moito máis en quedar novamente operativa orixinando retrasos na asistencia á poboación que teña unha urxencia sanitaria.

O sindicato denuncia que nas instalacións de Vigo tan só dispoñen de 3 máquinas xeradoras de ozono para 10 vehículos, polo que resulta habitual que ademais da media hora que se tarda en facer a desinfección haxa que facer cola para que as máquinas queden libres.

Resulta habitual que o persoal Técnico de Emerxencias remate a súa asistencia a un paciente no PAC de Cangas e que se teñan que trasladar a Vigo a realizar as tarefas de desinfección para logo regresar de novo ao Morrazo quedando a zona sen servizo de ambulancia durante máis de unha hora.

O Concello de Cangas acorda en Pleno esixir ao SERGAS o restablecemento do sistema de desinfección en Cangas xunto con outras melloras para o 061.

O pleno do concello de Cangas acordou na sesión celebrada esta mesmo mes demandar ao SERGAS o restablecemento do servizo de desinfección que leva inoperativo 2 meses por decisión da empresa concesionaria “Ambulancias do Atlántico”, para poder garantir a adecuada e pronta asistencia da poboación.

Así mesmo a preocupante situación de retraso na asistencia por mor do tempo que pasa a ambulancia en Vigo será obxecto tamén de debate no vindeiro Consello Municipal de sanidade onde se tratará o asunto coa inclusión dun punto específico na orde do día.

Ademais de ser aprobado en pleno, o Concello de Cangas comprometeuse co representante sindical do 061 de Cangas a reparar o acceso á instalación que impediu a saída do vehículo a cubrir unha emerxencia sanitaria tras golpear co chan ao afundirse a beirarrúa. Pese a isto, non se realizou ningunha actuación para subsanar esta deficiencia.

No acordo plenario recollese a necesidade de incluír ao persoal Técnico de Emerxencias na realización de xeito periódico probas de determinación de antíxenos con validez diagnóstica fronte á COVID (non de anticorpos) ao igual que o persoal das residencias de maiores (tamén xestionadas por empresas privadas) ou o persoal dependente do SERGAS en contacto con pacientes COVID. Cabe subliñar que dende o inicio da pandemia non se lles realizou ningunha proba fronte as probas semanais ou quincenais que se lles fan a outros colectivos. Esta decisión plenaria acordase entendendo que un diagnóstico precoz dos casos no persoal das ambulancias evitaría un posible contaxio aos pacientes que atenden e trasladan que son na súa meirande parte persoas de alto risco fronte á COVID.

Os representantes municipais acordaron, coa única abstención do Partido Popular, solicitar ao 061 o reforzo dunha ambulancia máis para o Morrazo con base en Cangas para garantir a pronta asistencia urxente. Na actualidade é habitual que non haxa ambulancias dispoñibles tendo que acudir incluso dende Vigo, co tempo de demora que iso supón, sobre todo na época estival.

Fotgrafías