Cangas recibe axuda de 14.400€ da DEPO para deseñar parques forestais

César Mosquera destaca que os tres espazos, que suman 190 hectáreas, contarán con cadanseu plan de prevención de incendios.
Por o 21/10/2017 | Sección: Cangas,Deputación de Pontevedra,Galicia
Cangas recibe axuda de 14.400€ da DEPO para deseñar parques forestais

A Deputación de Pontevedra aportará 14.400 euros ao Concello de Cangas para deseñar tres parques forestais no municipio: o de Varalonga, o de Massó-Liméns, e o da Carballeira de Coiro. Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, a liña de axudas provincial para a creación destes parques forestais pretende previr os lumes, a posta en valor da paisaxe e elementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto coa dinamización de diferentes aproveitamentos económicos.

Para o vicepresidente Mosquera “o mal estado do monte é o “maior problema ambiental de Galiza”, xa que os problemas de planificación e desleixo son “un desastre absoluto en xeral”. Por este motivo, indicou, a pesares de que a Deputación non ten competencias en materia de montes, púxose en marcha a liña de axudas, considerada novidosa, que é “sumamente necesaria e oportuna”.

A subvención provincial para o Concello de Cangas vén de ser aprobada en Xunta de Goberno, e destina 4.800 euros a cada un dos proxectos do parque de Varalonga, Massó-Liméns e Carballeira de Coiro. En total, a Deputación concedeu 443.966 euros a dez concellos da provincia para traballar en 16 parques forestais.

Todos os proxectos, segundo se estableceu nas bases da convocatoria, terán un apartado ou plan específico de medidas para a protección contra os lumes forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas.

Alto valor paisaxístico

Os tres parques forestais previstos en Cangas destacan fundamentalmente polo seu valor paisaxístico. No caso do monte de Varalonga, o parque terá 77 hectáreas ao oeste da península do Morrazo, e a intención é abrir pistas peonís, mellorar a sinalización, a repoboación con especies autóctonas, a diminución da masa de eucaliptos ao mínimo posible, así como o aproveitamento de diferentes usos.

O parque forestal de Massó Liméns pola súa banda, terá 58 hectáreas nun treito costeiro no que converxe o litoral rochoso aberto que se estende a todo o fronte con tramos acantilados altos e abruptos xunto a outros máis suaves.

ste parque destacará pola concentración de multitude de hábitats en moi pouca superficie, dando lugar a unha grande riqueza natural e a unha alta diversidade biolóxica. Conta cunha superficie de 35 hectáreas denominada ‘zona de especial protección dos valores naturais’ dende Punta Balea ata Cabo Home, pasando polas interesantes paraxes botánicas de Liméns e de Nerga-Barra.

O proxecto para este parque deberá contemplar un plan de recuperación do monte costeiro de Punta Corveiro-Borneira, xa que no ‘boom’ turístico dos anos 80 e 90 viu como proliferaron múltiples asentamentos de verán, construción de galpóns e pequenos alpendres utilizados por campistas. Trala reclamación dos terreos polos comuneiros propietarios, estes asentamentos deixaron de proliferar, pero a degradación é moi visible a día de hoxe.

Por último, o parque da Carballeira de Coiro asentarase en 55 hectáreas de terreo na que representa unha das máis importantes masas de bosque autóctono da costa sur de Galicia, e que ten un grande valor para a comarca pola súa función de captador e manancial de auga.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.