Cans proxecta a curta gañadora do certame de dinamización lingüística ‘Nós tamén creamos!’

Valentín García e Alfonso Pato acompañaron o alumnado na súa visita
Publicado por o día 26/05/2017 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Cans proxecta a curta gañadora do certame de dinamización lingüística ‘Nós tamén creamos!’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Festival de Cine de Cans, Alfonso Pato, acompañaron esta mañá o alumnado do CEIP de Ponzos, de Ferrol, na súa visita ao festival. Os 50 rapaces e rapazas ferroláns chegaron a Cans convidados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo propio festival para presentaren na sección Cans do Futuro, a curta de animación en galego “A figueira de Pelostortos”, coa que gañaron a pasada edición do concurso Nós tamén creamos!, inscrito no programa de dinamización lingüística homónimo, na categoría de 3º e 4º de primaria.

García Gómez resaltou a importancia de “facer habitual entre os máis novos o uso do galego en calquera medio e soporte de expresión e de comunicación, e moi especialmente no audiovisual”. De feito, o secretario xeral enmarcou o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! e o apoio de Política Lingüística ao Festival de Cine de Cans, especialmente á súa sección para escolares Cans do Futuro, aos esforzos do seu departamento pola “creatividade e a alfabetización dixital en galego das novas xeracións”.

Achegamento ao mundo do cine

Ademais de presentaren a súa curta de animación, os 50 escolares do CEIP de Ponzos que acudiron a Cans convidados por Política Lingüística tiveron ocasión de percorrer no xa famoso e agroglamouroso chimpín as instalacións do festival e, tras facer unha foto de recordo cos cans logotipo de Cans e de Nós tamén creamos!, participar noutras actividades de achegamento ao cine.

Os rapaces e rapazas viron o videoclip “Superfama” de Heredeiros da Crus, a curta “Cartas a Superman”, de David Fidalgo Omil, e o macking off do festival. O artista multidisciplinar Juanma LoDo aprendeulles como se facía cine antes, mostrando diversas técnicas e trucos. Pola súa banda, a actriz Berta Ojea e o director Guillermo García, gañador do Goya 2017 á Mellor película documental, mantiveron con eles un coloquio sobre distintos aspectos e oficios implicados na creación audiovisual.

Todas estas actividades forman parte da sección Cans do Futuro, dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man o festival de cine. Cans do Futuro vénse desenvolvendo dende o 25 de maio ata hoxe. Para alén desta proposta, o cartel do festival conta con outra apoiada desde Política Lingüística: o concerto “Cantarolas para xente miúda”, que fará parada o sábado ao mediodía da man de Senén Vaamonde e de Alfredo e Manuel, integrantes da formación A Roda.

Nós tamén creamos!

‘Nós tamén creamos!’ é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con este programa, no que colaboran a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e OQOeditora, escolares de educación infantil e primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

‘Nós tamén creamos!’ fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; a alfabetización audiovisual; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en internet. Nas próximas semanas resolverase unha nova edición do concurso para curtas de animación elaboradas coa técnica stop-motion que cada ano se convoca no marco deste programa de dinamización lingüística.

Apoio ao festival de cine

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Festival de Cans no desenvolvemento da décimo cuarta edición deste encontro que ten lugar do 24 de ao 27 de maio. Durante estes días, Cans convértese en centro de atención do mundo do cine, con permiso do seu homónimo francés, o Festival de Cannes, co que coincide en datas. Se o francés se considera o máis elegante do mundo, o do Porriño ostenta con orgullo o título do máis divertido, espontáneo e agroglamouroso.