Un Cantar de Cego espalla as cantigas de Martin Codax por 22 vilas de toda Galicia

A xira arrancou onte en Vigo e prolongarase ata finais de ano
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Cultura,Eventos,Universidade de Vigo

Un Cantar de Cego espalla as cantigas de Martin Codax por 22 vilas de toda Galicia

“A idea é levar a filosofía do que é Martin Codax ás rúas de toda Galicia”. Así explica o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais Manuel Fernández Iglesias o espírito co que esta fin de semana se puxo en marcha unha nova actividade para dar a coñecer á cidadanía de toda Galicia a presenza do Pergamiño Vindel en Galicia. Trátase da dramatización dun Cantar de Cego especialmente composto para a ocasión interpretado polo regueifeiro Luis Correa O Caruncho, no papel de cego, acompañado por Chus Iglesias como o seu guía.

A xira arrancou onte en Vigo, con pases ao longo de toda a mañá no mercado de Bouzas e, xa pola tarde, na praza da Princesa e diante do Marco. Os pases tiveron, segundo explicou o vicerreitor, moi boa acollida entre o público, que en todo momento se amosou moi participativo. “A min de feito sorprendeume a gran cantidade de persoas que aínda non sabían da presenza en Vigo do Pergamiño e que agora queren ir velo, polo que penso que esta idea complementa moi ben o resto de cousas que se están a organizar arredor desta visita”, recalcou o vicerreitor, que insistiu na idea de que “o máis importante é dar a coñecer ao público que temos esta peza aquí en Galicia”.

Esta semana visita Baiona, Cangas, Vilagarcia e Carballo

Tras o arranque onte en Vigo, a actividade continuou hoxe en Baiona con varios pases no mercado de Sabarís e continurará o venres en Cangas, o sábado na praza de abastos Vilagarcía e o domingo na praza do Concello de Carballo. Xa en novembro, o día 2 visitará Tui, o 3 Verín, o 4 Ribeira, o 5 Pontevedra… así ata finais de decembro. Visitaranse un total de 22 localidades repartidas polas catro provincias galega, incluídas as catro capitais de provincia e lugares como Ferrol, O Barco de Valdeorras, Monforte, Viveiro, Redondela, Lalín, Carballiño, Verín…

Cada actuación consiste en tres pases nos que o cego e a guía interpretan tres cantigas cun panel detrás ilustrado por Luis Davila, autor de O Bichero. “A idea é ser quen de levar por diferentes lugares o espírito trobador que tan ben representan as cantigas de Martin Codax e animar a xente a visitar a exposición”, recalcou o vicerreitor.

Nos 200 metros cadrados especialmente habilitados no Museo do Mar para a exposición, titulada Un tesouro en sete cantigas, amósanse medio cento de obxectos, na súa maior parte procedentes de igrexas, museos e coleccións privadas de Galicia, entre os que destacan, ademais do propio Pergamiño Vindel, os fragmentos dunha copia en galego das Sete Partidas de Alfonso X O Sabio, un texto xurídico coetáneo do Pergamiño; así como capiteis, relicarios, réplicas de instrumentos musicais inspiradas nas esculturas do Pazo de Xelmírez e do Pórtico da Gloria, peites ou unha gran talla románica de Cristo crucificado.