A canteira futbolística mosense eufórica ante a inminente chegada do Celta a Mos

Directivas e xogadores do Club Louro Tameiga e da Unión Deportiva Mos quentan motores de cara ao acto do vindeiro sábado
Por o 14/12/2017 | Sección: Deportes,Galicia,Mos
A canteira futbolística mosense eufórica ante a inminente chegada do Celta a Mos

Euforia, emoción e ilusión son os sentimentos que embargan ao fútbol mosense durente estes días nos que a gran noticia é a nova Cidade Deportiva do Celta en Mos.

Esta mesma tarde, representantes das directivas e xogadores dos dous principais clubes de fútbol mosenses, a Unión Deportiva Mos e o Club Louro Tameiga, reuníronse no terreo de xogo deste último, o Campo de Fútbol de Cototorrón, para festexar a boa nova da futura Cidade Deportiva celeste e preparar a súa intervención no acto que se celebrará o vindeiro sábado 16 de decembro ás 12.00 horas no auditorio do Multiusos das Pozas con repesentación municipal (alcaldesa e Corporación) e do Celta (presidente –Carlos Mouriño- e xogadores –os mosenses Rubén Blanco e Brais Méndez, xunto con Iago Aspas e Hugo Mallo-). O acto consistirá nun evento conmemorativo e de celebración do presente e o futuro do Celta e a súa vinculación con Mos e exporase o proxecto a acometer no municipio mosense.

A U.D. Mos e o Club Louro participarán activamente no devandito acto coa presencia dunha nutrida representación dos xogadores/as das súas categorías inferiores ataviados/as coas súas respectivas equipaxes deportivas. Ademais un neno representante de cada club fará unha intervención na que explicará o que significa para el a instalación da Cidade Deportiva do Celta no seu Concello.

Ambos clubes están moi vinculados ao Real Club Celta, xa que cada ano altérnanse nos seus respectivos campos de fútbol a celebración dos Campús Infantís de Verán do Celta e o Club Louro Tameiga conta cun convenio de colaboración coa Fundación Celta de Vigo para unha escola de asesoramento creada por primeira vez hai dúas tempadas, que foi a primeira da súa categoría e, tras moito traballo entre ambas as entidades, converteuse nun referente na formación de xogadores e adestradores con máis de 150 participantes.

Este convenio supuxo a asistencia e participación de técnicos do club en adestramentos da canteira celeste, amistosos entre equipos das categorías inferiores de ambos os clubes, participación en torneos, visitas ao estadio de Balaídos e asistencia de xogadores do Club Louro a xornadas de adestramento na Madroa xunto aos preparadores da canteira celeste.

Os presidentes da U.D. Mos, Pablo Serodio, e do Club Louro Tameiga, Patricio Farrapeira, agradecían esta tarde á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “o apoio incondicional dela persoalmente e do Concello de Mos en xeral ao fútbol base e as axudas municipais anuais recibidas dende os clubes, así como a inmellorable labor realizada para traer a Cidade Deportiva do Celta para Mos, que marcará un antes e un despois no deporte e na economía do municipio”, ademais destacaron “o especial compromiso da alcaldesa co fútbol mosense en particular e co deporte en xeral”.