Canto Conto cumpre tres anos como prato forte da programación infantil das Festas da Rosa

A terceira edición do festival organizado polas Maimiñas e Reviravolta Producións celebrarase o vindeiro 17 de xuño nos exteriores do Pazo de Mos.
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia,Mos

Canto Conto cumpre tres anos como prato forte da programación infantil das Festas da Rosa

Esta mañá As Maimiñas xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, presentaron no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, acompañadas dun grupo de nenos e nenas alumnos do colexio, a III Edición do Festival Canto Conto que se atopa incluído, como sempre desde o seu nacemento, na programación das Festas da Rosa.

O festival infantil celebrarase nos exteriores do Pazo de Mos o domingo 17 de xuño e, en caso de choiva, trasladaríase ao Multiusos das Pozas. Esta terceira edición contará coas actuacións de Titiriteros de Binéfar ás 12.00 horas, Mamis e Papis ás 16.00 horas, e Maimiñas e Xingro’s Big Band ás 18.30 horas.


As sesións de contacontos terán lugar ás 13.15 horas a cargo de Xarope Tulú e ás 17.30 horas a cargo de A Garavata Torta. Durante todo o día realizaranse obradoiros de arxila, elaboración de galletas e práctica de infinidade de xogos.

O Festival Canto Conto é un evento dirixido ao público infantil e familiar organizado por Reviravolta Producións. Celébrase no Concello de Mos dende o ano 2016, enmarcado dentro da súa semana grande: a Festa da Rosa, en concreto o terceiro domingo do mes de xuño.

Na pasada edición foron máis de cinco mil persoas as que pasaron por Mos para desfrutar dun día en familia. Como o seu nome indica, neste festival teñen especial importancia os contos e a música, plasmados en contadas maxistrais e concertos de música en directo que, xunto con obradoiros e xogos, fan a delicias de nenos e maiores durante todo o día.

Os contos son uns dos protagonistas do festival. Dende a primeira edición, no ano 2016, foron moitos e bos os contadores os que pasaron polo festival:

Servando Barreiro e a súa “Música das árbores” abriu este espazo no primeiro ano.

Ademais dos contos e concertos os nenos e nenas participan en diversos obradoiros, onde dan vía libre á súa imaxinación e aprenden cousas tan divertidas como os pasos de baile básicos do hip hop ou a maneira de facer música coas froitas.

Outro dos grandes protagonistas do Canto Conto son os concertos. En anteriores edicións estiveron grandes grupos e artistas como A Gramola Gominola, O Viravai, Xulio Lorenzo, As Maimiñas, Mamá Cabra, María FumaÇa, Paco Nogueiras, Uxía Lambona e a Banda Molona…

O festival é tamén un bo xeito de achegar aos nenos e nenas ao mundo da arte, por iso durante o mesmo fanse exposicións de artistas coñecidos, e os propios cativos son tamén autores de grandes obras de arte.

Nun evento como o Canto Conto cobran especial importancia a lectura e os libros como elemento de unión entre xeracións. Con espazos adicados a tal fin, non podían faltar os postos de libros para a venda.

O Canto Conto é un festival para desfrutar todo o día, e para que non se preste ningún momento para o aburrimento, tanto para nenos como para pais. Conta con postos de artesanía, xogos populares, pintacaras, festa da escuma, obradoiro de arxila e mesmo lugares onde poder penicar algunha que outra cousa rica.