“Cantos e contos no Nadal” é o lema da programación deste mes, que inclúe unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a presentación dun libro despregable de autores vigueses
“Imos cazar un oso”, un clásico da literatura infantil de Michael Rosen e Helen Oxenbury, é a obra na que se inspira a sesión de contacontos deste venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR. A partir deste relato, a actriz María Costa, do grupo Malvamos Teatro, e a intérprete de lingua de signos Aránzazu Casas, de AZ Lengua de Signos, representarán unha versión moi especial da obra, co título “Imos buscar un abeto”, na que lingua de signos e lingua oral se mesturan simultaneamente.
Non é a primera vez que LIBROS PARA SOÑAR organiza contacontos signados, co obxectivo de contribuír á integración na sociedade das persoas con discapacidade auditiva. Nestas actividades biblingües, en lingua oral e lingua de signos, o público infantil e adulto ten a posibilidade de aprender palabras neste código para poder comunicarse coas persoas xordas.
Por outra parte, o mércores día 9, ás 17:30 horas, será a quenda dos contacontos para bebés, de 0 a 3 anos. A narradora Beatriz Campos e o músico David González conducirán esta sesión na que primarán a palabra oral, a música e as cancións. As persoas interesadas en participar cos seus nenos e nenas deberán inscribirse a partir do luns 7 enviando unha mensaxe a [email protected]
HOMENAXE A NEIRA VILAS
Ademais, o venres 11 ás 18:30 horas, LIBROS PARA SOÑAR acollerá unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, recentemente falecido. Os participantes serán o artista plástico Leandro Lamas, que ilustrou a nova edición das “Cantarolas” de Xosé Neira Vilas e da súa muller Anisia Miranda, publicada por KALANDRAKA. Canda el, o músico Paco Nogueiras, que converteu en cancións varios poemas deste libro. Leandro Lamas e Paco Nogueiras compartirán co público as súas respectivas experiencias profesionais co admirado autor, ao que visitaron na súa casa de Gres, en Vila de Cruces.
Para nenos e nenas a partir de 3 anos haberá unha actividade musical o mércores 16, a partir das 18:00 horas, coa profesora Susa Herrera como protagonista, que presentará o seu libro-disco “En Cabárceno se oye cantar (II)”.
A última actividade deste mes, antes das vacacións de Nadal, será o venres 18, ás 18:30 horas, cos artistas vigueses Federico Fernández e Germán González como invitados. Presentarán un libro despregable titulado “Balea”, que se dará a coñecer por primera vez este domingo ás 18:00 horas en Pontevedra no marco da Feira das Industrias Culturais Culturgal.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.