Cardiólogos nacionais e europeos analizan as novas técnicas de intervencionismo coronario en casos complexos no Álvaro Cunqueiro

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle a segunda edición dun curso para poñer ao día as terapias en pacientes de alto grao de complexidade
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Cardiólogos nacionais e europeos analizan as novas técnicas de intervencionismo coronario en casos complexos no Álvaro Cunqueiro

Cardiólogos españois e europeos analizarán no Hospital Álvaro Cunqueiro as novas técnicas de tratamento nos casos complexos de Cardioloxía Intervencionista, que cada vez son máis frecuentes. O hospital vigués acollerá a segunda edición do “Curso de tratamento de Placas Calcificadas e Intervencionismo Coronario Complexo (COMPLAC 2)”, durante os próximos días 23 e 24 deste mes. Na súa organización colaboran especialistas de hospitais de Madrid, Barcelona, Salamanca e do propio Álvaro Cunqueiro.

Os facultativos de Cardioloxía Intervencionista veñen detectando, nos últimos anos, un crecente grao de complexidade nos pacientes que tratan. Un dos factores que inflúen máis é o envellecemento da poboación, o que supón complicacións para efectuar as intervencións. As placas calcificadas xorden pola acumulación de colesterol nas arterias coronarias.

“Unha das dificultades con que nos atopamos é o claro empeoramento do perfil de risco dos nosos pacientes, con maior presencia de comorbilidades e maior complexidade na enfermidade coronaria á que nos enfrontamos”, explica o cardiólogo do CHUVI, Guillermo Bastos, membro do comité organizador do curso.

Este feito vese reflectido en que do total de 1.500 intervencións coronarias con stent realizadas no 2019 na Unidade de Hemodinámica do Álvaro Cunqueiro, o 12%, requiriron o uso de técnicas complementarias ao implante de stent para eliminar as placas calcificadas de colesterol que estreitan as arterias do corazón.

Con todo, de forma paralela ao empeoramento do escenario clínico dos pacientes, os recursos existentes xa melloraron “e desenvolvéronse novos dispositivos e técnicas que facilitan a valoración e a abordaxe destas lesións complexas que hai só uns anos non eran susceptibles de tratamento”, subliña o doutor Bastos.

Intervencións en directo

A primeira edición do curso celebrouse no ano 2017, con resultados moi satisfactorios segundo os organizadores.

Os avances habidos en técnicas e materiais en tan só dous anos e medio e a posta ao día no manexo do seu coñecemento moveron aos profesionais a levar a cabo a organización dunha segunda edición deste evento no Álvaro Cunqueiro.

Na organización deste ano participan cardiólogos do Hospital Universitario de Salamanca, dos hospitais do Mar e San Pau de Barcelona, do Hospital Gómez Ulla de Madrid e do Hospital Álvaro Cunqueiro, a través do servizo de Cardioloxía que dirixe en doutor Andrés Íñiguez.

Ademais de relatores de recoñecido prestixio de distintos hospitais españois, no congreso intervirán tamén especialistas de Portugal, Reino Unido e Alemaña. Tamén inclúese a participación da Asociación Europea de Cardioloxía Intervencionista representada polo presidente do grupo de intervencionismo coronario complexo (EURO4C), o que da unha idea da importancia das intervencións.

Outra das novidades do curso será a retransmisión en directo de tres intervencións para analizar as vantaxes practicas destas novas técnicas. Para iso conectarase, ao longo do día 24, cos quirófanos de Cardioloxía Intervencionista do Hospital Universitario de Santiago, do Hospital Universitario de Murcia e do propio Álvaro Cunqueiro.

Ademais dos relatorios de carácter teórico, haberá 4 talleres organizados e impartidos polo persoal de enfermaría e que contarán con novos sistemas de simulación para o adestramento en aspectos prácticos das técnicas de recente introdución, como son o láser coronario, a litotricia intracoronaria ou a arterectomía orbitacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.