Cardioloxia do Hospital Álvaro Cunqueiro inicia os seus “debates cardiovasculares” do presente curso

Destacou a colaboración recibida nalgúns dos seus traballos por parte da Unidade de Imaxe Cardíaca, da consulta de valvulopatías e do servizo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Álvaro Cunqueiro
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Cardioloxia do Hospital Álvaro Cunqueiro inicia os seus “debates cardiovasculares” do presente curso

O servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) celebrou o primeiro dos seus “Debates Cardiovasculares” do presente curso, que se desenvolveu no Hospital Álvaro Cunqueiro. Estas sesións, que se organizan desde hai anos son un foro no que os relatores son recoñecidos especialistas de prestixio internacional que achegan experiencias ao redor de patoloxías concretas da cardioloxía.

Os debates celébranse unha vez ao mes e “serven de complemento ás charlas formativas que realizamos normalmente no servizo”, explica o cardiólogo Francisco Calvo.

A primeira das reunións deste curso estivo a cargo do doutor Arturo Evangelista, considerado como unha autoridade mundial en enfermidades da aorta torácica. A súa disertación, que deu paso ao debate entre os asistentes, versou sobre “Válvula aórtica bicúspide: estado actual do seu diagnóstico e tratamento”. Á sesión asistiron profesionais de Cardioloxía, Medicina Interna e Radioloxía.

O doutor Evangelista ten unha ampla traxectoria como cardiólogo clínico e especialista en Imaxe Cardíaca. Desde o Hospital Vall d’Hebron aglutina varios grupos de investigación en rede, con participación de distintos centros hospitalarios españois e europeos así como equipos multidisciplinares. É primeiro autor de publicacións nas revistas de maior impacto (New England Journal of Medicine, Circulation, e JACC, entre outras).

Na súa intervención, Arturo Evangelista falou da relación entre a valvulopatía aórtica bicúspide e a dilatación da aorta proximal, problema frecuente nesta enfermidade conxénita que afecta ao 2% da poboación e que é obxecto de debate na actualidade.

Durante a súa disertación explicou varias das súas contribucións máis recentes sobre este tema, que abarcan desde a xenética, o papel das técnicas de imaxe cardíaca e mesmo un ensaio clínico cuxos resultados se coñecerán dentro dun ano.

En todos estes traballos destacou a colaboración recibida por parte da Unidade de Imaxe Cardíaca, a consulta de valvulopatías e o servizo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.