Carlos Font confirma que o Goberno provincial aprobará este venres preto de 500.000 euros para Sanxenxo

A Xunta de Goberno aproba estas achegas, dentro da liña 1 do Plan Concellos, para financiar obras de saneamento e a mellora de camiños e infraestruturas no municipio
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carlos Font confirma que o Goberno provincial aprobará este venres preto de 500.000 euros para Sanxenxo

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento para tres obras no concello de Sanxenxo. As actuacións teñen un importe total de 459.209,81 euros e forman parte dos fondos da liña 1 do Plan Concellos 2018 e 2019, que o Goberno de Carmela Silva adiantou este ano para que os concellos puideran acometer con máis tempo obras de maior envergadura.

Máis polo miúdo, o Goberno provincial destina 193.390,51 euros para financiar a instalación dun colector de saneamento de augas residuais no lugar de Outeiro (Vilalonga), tamén outro colector de saneamento e unha tubaxe de abastecemento de auga na rúa Ricardo Santos (Sanxenxo), e no lugar de Quintáns (Noalla) vaise proceder á instalación dun pozo de bombeo de augas residuais, un colector de gravidade e unha tubaxe de abastecemento de auga.

Por outra banda, 134.053,06 euros serán destinados á edificación e parcela Casa Don Fernando (Portonovo), co fin de adecuala á normativa de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, reformando certos espazos para darlle o uso de Casa de Xuventude e impedindo as filtracións de humidade na edificación.

E por último, vaise financiar con 131.766,24 euros a renovación do firme no camiño das Salinas (Noalla), camiño Costiña (Vilalonga) e Fonte de Ons (Noalla), nas que se vai executar unha roza e limpeza das cunetas e marxes para, posteriormente, empezar co procedemento de dotación de capa de rodaxe.

Este ano 2018, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Sanxenxo 1.972.572,74 euros, o que supón un 76,20 % máis que no exercicio anterior.

Comentar noticia

Your email address will not be published.