Carlos Font confirma unha nova achega do Plan Concellos a Marín por máis de 40.000 euros

Co plan da Deputación, o Goberno provincial de Carmela Silva xa destinou á vila máis de 830.000 euros
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carlos Font confirma unha nova achega do Plan Concellos a Marín por máis de 40.000 euros

O deputado provincial de Cooperación cos concellos, Carlos Font, confirmou hoxe a aprobación, mediante Resolución presidencial, dunha nova axuda ao Concello de Marín por importe de 41.726,08 euros ao abeiro do Plan Concellos. Este investimento irá destinado ao acondicionamento do vieiro de praias a San Blas, na PO-551.

O Goberno de Carmela Silva, ao través do Plan Concellos, xa aprobou axudas de ata 732.421,04 euros na liña 1, destinadas entre outras á mellora e renovación do alumeado público exterior A Brea-Ameal, ás instalacións de recreo infantís no parque Eguren, para o sistema de retención e desbaste automático de sólidos no bombeo e augas residuais en Loira I e para a pavimentación dos accesos á barriada de San Pedro. Outros 106.004,16 euros se destinaron á financiación da contratación de traballadoras e traballadores, dentro da liña 3 de Emprego.

Ata este momento, a Deputación xa aprobou 838.425,2 euros dun total de 1.771.748,31 destinados este ano ao Concello de Marín no Plan Concellos.