Carlos Font cualifica o aprazamento de última hora do curso escolar como “a constatación dun estrepitoso fracaso da Xunta”, a quen o pleno da Deputación esíxe que tome as rendas

César Mosquera subliñou que o auténtico “corralito” foi a Lei Montoro e afeoulle ao PP que intente patrimonializar o resultado da votación de onte no Congreso. Cualificou a moción como “oportunista” e como un intento de “poñerse de campeóns”. “A vostedes non lles importa o fondo da cuestión, senón o exercizo do carroñeirismo político”.
Publicado por o día 11/09/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Educación

Carlos Font cualifica o aprazamento de última hora do curso escolar como “a constatación dun estrepitoso fracaso da Xunta”, a quen o pleno da Deputación esíxe que tome as rendas

Cos votos de PSdeG-PSOE e o BNG e a oposición do PP, o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a moción para esixir da Xunta de Galicia que, diante do clamor social de pais e nais, Anpas, sindicatos, concellos, e de toda a comunidade educativa, se responsabilice dunha vez dunha competencia exclusivísima do Goberno galego como é o inicio do curso escolar que, en palabras do voceiro Carlos Font, “segue sumido nun absoluto caos que deixa á sociedade nunha indefensión intolerable e sen garantías; nin docentes nin sanitarias”

O portavoz socialista cualificou de “fracaso estrepitoso da Xunta de Galicia a lamentable rectificación de última hora, rexistrada ás 11.34 horas de hoxe, cando a Consellería tivo que recoñecer que non é posible comezar o curso e certificaba o aprazamento do mesmo en Secundaria e Formación Profesional, tal e como lle viñan reclamando institutos de toda a provincia”. Font acusou á Xunta de actuar “tarde e mal” e de xerar “unha tensión innecesaria con todo o mundo”, e todo para acabar admitindo “o mesmo que xa lle tiñan pedido por escrito os centros, entre eles ata 12 directoras e directores da cidade de Pontevedra”.

O voceiro socialista referiuse tamén ao problema xerado polo intento da Xunta de cargar aos concellos cos gastos extraordinarios de desinfección, cando o informe do secretario xeral da Deputación e outros ditames de persoas expertas, conclúen que trátase dunha competencia exclusivamente autonómica, na medida en que ten que ver coa saúde pública e excede claramente do deber de limpeza e mantemento ordinarios. “Resulta indignante, dixo Font, que o PP se poña, tamén na Deputación, do lado da Xunta e non dos concellos”, recalcou. Ademais, lembrou que a institución provincial actuou de xeito temperán enviando 1,7 millóns de euros aos concellos para cubrir os gastos xerados pola pandemia. Pola contra, lembrou que a Xunta recibe case 93 millóns de euros extra do Goberno do Estado para cubrir as necesidades educativas en Galicia “e se dedica a recadalos, pero sen transferir un euro aos concellos”. “A mesma Xunta”, engadiu, “que xa protestara porque eses cartos chegan condicionados para gastos educativos”. Unha actitude que contrasta coa de outras comunidades autónomas, como Baleares, onde o Goberno asume o coste das desinfeccións.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, César Mosquera, detallou que os concellos están a afrontar gastos extraordinarios de entre o 3% e o 6% dos seus recursos “que lles van abanear as súas contas” e cualificou como “falta de respecto absoluto” cargar aos municipios co custe dunhas desinfeccións que son competencia autonómica. “Aos concellos non se lles manda un euro, pero si máis cargas con moita alegría”, indicou, antes de concluír que nos debates no seo da Deputación hai que estar do lado dos concellos, “aos que representamos”.

Por outra banda, o Pleno rexeitou cos votos do PSOE e do BNG unha moción do PP a propósito do Real Decreto Lei sobre uso dos remanentes municipais que onte decaeu no Congreso. Carlos Font defendeu que o RDL era a única fórmula legal para poñer os aforros “incautados pola Lei de Estabilidade Presupostaria de 2012, coñecida como Lei Montoro”, a disposición dos municipios e explicou que o Goberno ofreceu un mecanismo que “en termos de negocio sería un negocio ruinoso para o Estado, pois supoñía devolver o 135% do entregado e convertelo, ademais, en déficit estatal”. O deputado concluíu que os únicos que poden estar hoxe felices son os bancos e mesmo puxo o exemplo de Madrid, que pagará 2 millóns de euros ao ano en intereses negativos “gracias ao bloqueo”.

César Mosquera subliñou que o auténtico “corralito” foi a Lei Montoro e afeoulle ao PP que intente patrimonializar o resultado da votación de onte no Congreso. Cualificou a moción como “oportunista” e como un intento de “poñerse de campeóns”. “A vostedes non lles importa o fondo da cuestión, senón o exercizo do carroñeirismo político”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.