Carlos Font: “o novo modelo dos GES da provincia é posible grazas ao esforzo extraordinario da Deputación de Pontevedra”

O deputado participou hoxe na reunión da Comisión de Seguimento dos GES na que destacou o “importantísimo incremento de recursos da institución provincial que crece nun 55 %”
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

Carlos Font: “o novo modelo dos GES da provincia é posible grazas ao esforzo extraordinario da Deputación de Pontevedra”

Na reunión desta mañá da Comisión de Seguimento dos GES da provincia de Pontevedra para presentar o funcionamento do novo modelo dos grupos de emerxencia, o deputado Carlos Font destacou “o extraordinario esforzo” da Deputación de Pontevedra que incrementou ata case o millón de euros o seu orzamento para custear esta mellora da prestación aos concellos da provincia.

Font explicou que “estamos a falar dunha aportación importantísima que supón ata o 0,6 % do Orzamento provincial mentres que, por poñer un exemplo, a Xunta de Galicia aporta 0,012 do seu presuposto”. “De feito, lembrou, aumentamos nun 55 % a nosa participación para o funcionamento dos novos GES de Redondela /Mos, A Cañiza e A Lama. Son 336.000 euros máis que o pasado ano, e para nós trátase dun esforzo extraordinario”, sinalou.

A Deputación de Pontevedra aporta este ano o 40 % do orzamento do convenio para o novo modelo dos Grupos de Emerxencia (GES) na provincia. É un total de 941.333.333 euros, 336.000 euros máis que o ano pasado, un 55 % máis. A aportación total dos concellos é de 176.500 euros, o 7,5 % do orzamento, e a Xunta de Galicia de 1.235.498 euros, o 52,5 %.

Así, o esforzo do mundo local sigue a ser imprescindible para a prestación de servizos e garantía de dereitos. Carlos Font rematou sinalando que “con recursos escasos, a Deputación de Pontevedra fai ata cen veces máis esforzo que a Administración autonómica”.