O deputado provincial Carlos López Font achegouse no mediodía deste martes 10 de setembro a Vilagarcía de Arousa para visitar dúas das obras financiadas pola Deputación de Pontevedra ao través do Plan Concellos. Por unha banda, Font, xunto a Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, e o tamén deputado provincial, Manuel González, supervisou as obras de reparación do campo de fútbol de Vilaxoán, que estará listo nunhas semanas, e por outro lado, tamén visitou as novas varandas de protección que xa foron instaladas no entorno de Vista Alegre.
Carlos López Font apuntou que “esta visita é moi significativa porque serve para ver ‘in situ’ como quedan importantes actuacións que falan por si mesmas do que significa a colaboración entre Deputación e concellos”. Neste senso, o deputado provincial resaltou que “esta colaboración é unha aposta firme do noso Goberno, tratando en condicións de igualdade a todos os concellos da nosa provincia”.
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou que “cando as institucións traballan da man os resultados repercuten en beneficio dos veciños e veciñas”. O rexedor da vila tamén explicou que “saber con antelación os fondos que vas ter a disposición cada ano facilita moito o noso traballo, e saber que vas a poder xestionar as achegas con autonomía e independencia é de agradecer, porque é así como podemos mellorar a vida das persoas” e engadiu que “é unha mágoa que isto non aconteza na Xunta”.
No que respecta ao acondicionamento do campo de fútbol de Vilaxoan, as obras comprenden a renovación do pavimento deportivo, eliminando o seu céspede sintético e incorporando novo sistema de céspede artificial de última xeración. Tal e como puntualizou López Font, para esta obra, a Deputación de Pontevedra destinou 216.630,74 euros ao abeiro do Plan Concellos.
Pola súa banda, en Vista Alegre, no derradeiro tramo do río do Con, a renovación das varandas e a dotación de pequenas zonas axardinadas na beira norte, na contorna da praza de Abastos, estivo financiada cunha achega da institución provincial de 101.500 euros. Esta actuación levouse a cabo para mellorar a seguridade e a estética dunha zona moi transitada.
No remate da visita, Carlos Font pormenorizou que “no Plan Concellos 2019 a Deputación inviste en Vilagarcía preto dun millón e medio de euros, un 3,35 % máis que en 2018” e que “en catro anos Vilagarcía financiou coa liña 1 ata 44 obras por preto de catro millóns de euros”. Tamén engadiu que “coa liña 3 de emprego, o goberno de Vilagarcía de Arousa puido contratar a un total de 140 persoas desempregadas para traballar no concello, 36 neste ano 2019”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.