Carlos Núñez ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo dentro da súa xira de Nadal 2016

I A xira, que comezou o 8 de decembro, conmemora o 20 aniversario do lanzamento do primeiro disco do artista, A Irmandade das Estrelas
Publicado por o día 22/12/2016 na sección de Cultura

Carlos Núñez ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo dentro da súa xira de Nadal 2016

O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá o vindeiro 23 de decembro ás 20.30 h. o concerto do músico galego máis recoñecido internacionalmente, Carlos Núñez. A actuación está encadrada dentro da súa xira de Nadal que comezou o pasado 8 decembro e na cal o artista conmemora o 20 aniversario do lanzamento do seu primeiro álbum, A Irmandade das Estrelas. No seu tour musical o artista percorrerá vinte cidades españolas e outras tantas en Estados Unidos, rematando no mes de xaneiro en Madrid. As entradas xa están dispoñibles a través das vías habituais de comercialización da entidade: en Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.

O CONCERTO E O ARTISTA

Coincidindo cunha auténtica eclosión da música celta no noso país, o músico Carlos Núñez lanzaba a súa primeira proposta musical, A Irmandade das Estrelas. Agora, exactamente vinte anos despois dos seus inicios, o artista decidiu festexalo cunha xira internacional. Nestes concertos efeméride, Núñez contará coa participación de novas promesas de toda a Península cos que, ademais, acaba de participar na gravación do último filme de Carlos Saura. Así, ofreceranos unha viaxe polo seu universo musical conectando as tradicións celtas de Galicia, Irlanda, Escocia ou Bretaña e incorporando, de xeito pioneiro, tradicións musicais de todo o territorio nacional. Recentemente, Núñez ofrecía ao fronte de 75 músicos un concerto histórico na Catedral de Santiago de Compostela onde por primeira vez soaron xuntos todos os instrumentos da Orquestra do Pórtico la Gloria, esculpidos en pedra polo Mestre Mateo no século XII.

Ademais, entre outros feitos destacados, tocou para Coppola nos Premios Princesa de Asturias 2014 e, o pasado ano, abriu na celebérrima Sala Dourada del Musikverein de Viena cunha das máis antigas orquestras da cidade, aos poucos días do universalmente coñecido concerto de Aninovo.

Carlos Núñez está considerado internacionalmente coma un músico extraordinario, dos máis serios e brillantes do panorama musical. Aos oito anos decidiu aprender dos vellos mestres os secretos da música popular e da gaita, e aos 12 foi convidado a tocar coma solista, coa Orquestra Sinfónica de Lorient, unha composición do irlandés Shaun Davey. Cando en 1996 publica A Irmandade das Estrelas, o seu primeiro álbum en solitario, Carlos Núñez xa era un artista recoñecido en todo o mundo. O disco vendeu máis de 100.000 copias en España e significou a maioría de idade da world music no noso país.

En 1999 editou Os amores libres, o seu segundo álbum que vendeu máis de 250.000 exemplares en España, un acontecemento extraordinario para a música popular feita en España con alcance internacional. O seu terceiro disco, Mayo longo, publicouse no 2000 e significou o achegamento natural de Carlos Núñez a estruturas máis pop, que aumentou o seu recoñecemento popular acadando o número 1 nas máis importantes radio fórmulas. En 2002 publicou unha antoloxía, Todos os Mundos, que incluía ademais dunha selección da súa obra gravacións que realizara para discos doutros artistas coma Andreas Vollenweider, Sharon Shannon ou Liam O’Flynn. Con 30 anos edita o seu primeiro disco con Sony, Almas de Fisterra, de 2003, que supuxo o seu afianzamento no mercado francés.

En 2004 ven a primeira gran colaboración de Carlos co mundo do cinema, e pola porta grande: Alejandro Amenábar pídelle unha canción do primeiro disco para a súa nova película, Mar Adentro.

En pleno mes de xullo dese ano, no Auditorio de Castrelos en Vigo, gravouse en directo un espectacular DVD e un CD, Carlos Núñez & Amigos, ante 30.000 dos seus paisanos, que chegou a DVD de ouro. En 2006 edita Cinema do Mar, onde explora o mundo das bandas sonoras, desde Mar Adentro ata outras nas que participara máis recientemente, sobre todo en Xapón, pasando por versións celtas de grandes clásicos do cinema. Despois de tres anos de pescudas, en 2009 ve a luz Alborada do Brasil, un disco no que Carlos descubre as conexións entre a música celta –a galega en particular– e a música brasileira. Ao longo destes anos Carlos Núñez vendeu máis de 1.000.000 de discos no mundo, obtivo un Premio Ondas, dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos e galardóns en todo o mundo.