Carme Adán: “O que hai que facer coas pensións e reducir a idade de xubilación e revalorizalas en función do IPC

Publicado por o día 11/12/2015 na sección de BNG,Elecciones Generales,Política

Carme Adán: “O que hai que facer coas pensións e reducir a idade de xubilación e revalorizalas en función do IPC

Adan salientou a importanza de que “teñamos presenza no Congreso. Detrás non temos grandes lobbies comunicativos nin empresariais, detrás temos persoas”

 A cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra, Carme Adán, dixo este serán en Porriño en resposta á nova “ocurrencia de Rajoy sobre as pensións que o que hai que facer coas pensións é rebaixar a idade de xubilación e revalorizalas porque perderon poder adquisitivo”.

No acto no que tamén interviron César Lourido e a candidata Patricia Mariño, houbo moitas alusións ao debate galego na TVG de onte á tarde. Na súa intervención, Carme Adán explicou que “onte era o único debate que tiñamos na televisión publica galega. Seica din que como xa están as teles do estado, non fan falla”. E ironizou coa hora de emisión, “a ver quen non está ás 18,30 horas da tarde diante do televisor!”, exclamou.

Forzas estatais que tamén se presentan en Galiza pero nos debates mutis total sobre os problemas dos galegos e das galegas”

Puxo de manifesto a ausencia de Galiza nos debates dos que se exclué a Nós Candidatura Galega. “Vemos os debates dos catro magníficos onde nunca se fala de Gaiza, nin de Porriño, nin da autoestrada, do lácteo, da pesca ou do naval”. Significou a cuestión salientando que “veño dunha entrevista cun xornalista, nada sospeitosa de afín, e chamou a atención sobre o feito de que estiveran vascos e cataláns, e por que non galegos? Preguntou por que non estaba o nacionalismo galego. A cousa chega a estos níveis”.

Concluiu que “esta é a realidade. E iso que había forzas estatais que tamén se presentan en Galiza, PP, PSOE ou Podemos pero mutis total. A nosa opción perante tal apagón informativo é o de facer a campaña da rúa, de falar coas persoas. Temos que convencer a todo o mundo do moito que nos xogamos nestas elecións”. Recolleu a proposta realizada por César Lourido para que se soterre a vía ferroviaria e comprometeuse a levala ao Congreso.” Hai unha vía que tronza unha vila e non se adopta unha solución para soterrala. Pero credes que se Nós non estamos haberá quen faga estas reivindicacións?. Non haberá tal”, afirmou.

Aludiu ao sector da pedra de grande importanza en Porriño. E o sector das auxiliares da automoción, “do que sabedes moito nesta zona” e no que se están a perder moitos postos de traballo debido á deslocalización”.

Na mesma liña, lembrou os problemas que o nacionalismo levou ao Congreso como a estafa das preferentes, dos emigrantes retornados ou o tema lácteo. “Tejerina e Ana Pastor na súa visita a unha explotación gandeira só lle proponen ás vacas que vendan o leite máis barato”, e tivo palabras de solidariedade cos gandeiros que voltaron hoxe a saír cos tractores á rúa.

Pediu a Rajoy “non nos dea máis sorpresas. Xa tivemos dabondo: eliminou a lei de Dependencia, máis desemprego, reforma laboral, subiu o IVE….”.

Pensións: rebaixa da idade de xubilación e revalorización

Mencionou a nova proposta de hoxe de Rajoy para xubilados que sigan a traballar e exoneralos do pagamento do IRPF. “Sobre as pensións témolo claro. Todo o  mundo ten dereito a desfrutar dunha xubilación digna. Pedimos que se rebaixe a idade de xubilación e se revaloricen as pensións”. Da mocidade, afirmou, fálase moi pouco. “Temos unha mocidade que está a emigrar. Formamos mozos e mozas que logo teñen que coller a mala e marchar. Propomos contratos indefinidos e estábeis, carreira investigadora propia e nada de contratos daneses ou austríacos, nada de despidos baratos”.

Apelou á importanza de ter presenza no Congreso. “O importante é ter presenza no Congreso para poder traballar polo Porriño, por Salvaterra, por Salceda ou por Vigo. Non podemos perder o tren. Son unhas elecións trascendentais. Comprometémonos a traballar con honradez. Detrás non temos a grandes lobbies comunicativos nin empresariais, detrás temos persoas:”

PRENSA BNG O PORRIÑO