Carme da Silva: “A AP-9 non pode seguir a ser un muro de incomunicación para Redondela”

Afeou que a “ubicación perfecta” da vila non poida ser aproveitada para os seu desenvolvemento económico a causa de infraestruturas como a autoestrada e o tren que supoñen unha barreira
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de BNG,Política

Carme da Silva: “A AP-9 non pode seguir a ser un muro de incomunicación para Redondela”

“A  AP-9 non pode seguir a ser un muro de incomunicación para Redondela”. Así o afirmou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, no seu mitin no Multiusos da Xunqueira. A nacionalista asegurou que Redondela debería aproveitar a súa situación estratéxica e “perfecta” entre Vigo e Pontevedra para desenvolver o seu potencial económico, mais afeou que non poida facelo por infraestruturas estatais que supoñen unha barreira: a autoestrada e o ferrocarril.

Da Silva insistiu nas reivindicacións da veciñanza redondelá e a autoestrada, que se ve afectada polo paso da vía sen ningún tipo de beneficio, pagando das peaxes máis caras do Estado, e nin sequera obtendo as mínimas obras de mellora para evitar as súas molestias. Ante isto, comprometeuse unha vez máis a que cando o BNG chegue ao Congreso presentará de inmediato as iniciativas parlamentares necesarias para dar voz ás súas reclamacións e aproveitar o seu potencial.

De feito, criticou as posturas “coma de gotas de auga” do PP e do PSOE con respecto á supresión da peaxe, que segue sen eliminarse entre Redondela e Vigo a pesar de telo prometido alternativamente. “Só a reclaman cando non gobernan en Madrid. E hai que ter cara de dicir que non nos discriminan –dixo- cando dende Madrid aceptan as transferencias das autoestradas vascas e os rescates das radiais madrileñas”, subliñou.

Da Silva lembrou, así mesmo, que a AP-9 é unha infraestrutura estratéxica par atodo o país, que é precisa a transferencia a Galiza non só do treito redondelán, senón da súa totalidade e a eliminación da portaxe para todas as persoas usuarias. “É unha estafa para a sociedade galega que está amortizada xa moitas veces. Canto máis temos que pagar?”, cuestionou.

Outro tema relacionado con Redondela que abordou na súa intervención foi a necesidade dun tren de proximidade e a dotación á parroquia de Chapela dunha estación na que poder coller o tren para Vigo ou Pontevedra. “Apoiamos unha vez máis, coma nas eleccións de abril e coma sempre, esta demanda da veciñanza de Redondela. Somos coherentes e está claro que o BNG será a única voz que defenderá os intereses das redondelás e redondeláns. Votar ao BNG será o voto útil”, insistiu.

A nacionalista instou á veciñanza a acudir ás urnas o domingo e a optar “pola opción de país”, convertendo o cabreo e o desencanto coa situación política estatal en votos ao BNG. Destacou que o Bloque é a opción para defender a Galiza e os dereitos sociais e liberdades a un mesmo tempo.