Carme da Silva aproveita o día de reflexión para visitar Etiqueta Negra e gozar de familia e amigas e amigos

A cabeza de lista do BNG chama á que xente acuda a votar para defender os seus intereses, que Galiza recupere presenza no Congreso e teña futuro
Publicado por o día 09/11/2019 na sección de BNG,Política

Carme da Silva aproveita o día de reflexión para visitar Etiqueta Negra e gozar de familia e amigas e amigos

A cabeza de lista do BNG na provincia de Pontevedra, Carme da Silva, está a aproveitar a xornada de reflexión de hoxe para gozar de familia, e de amigas e amigos, cos que acudiu á feira do produto gourmet galego e innovación inspiradora ‘Etiqueta Negra’ no Recinto Feiral de Pontevedra.

Segundo destacou Da Silva, a visita a ‘Etiqueta Negra’ era obrigada por ser un referente dentro das feiras de produtos autóctonos galegos. Cualificándoa como o ‘Culturgal da comida’, a nacionalista destacou que esta cita pon en valor a calidade, tradición e innovación da gastronomía galega, “xa que ten a mellor materia prima, pero tamén o valor engadido do saber facer tradicional e da vangarda e a innovación”.

O percorrido pola feira foi interesante, aproveitando para probar algúns dos produtos presentados, e rematou con varias bolsas camiño da casa da candidata. “Moitas das exquisiteces que esta fin de semana están aquí expórtanse fóra do país e ao estranxeiro, dende viños ata gulas, polo que convido a todo o mundo a aproveitar a ocasión e achegarse e coñecelos xa que as teñen de lado. Seguro que as máis das persoas acaban mercando algo para comer ou beber na súa casa”, subliñou.

A candidata ten previsto pasar a tarde con amigos e amigas e familiares, aos que novamente, igual que tralas eleccións anteriores, quixo dar as grazas polo apoio e cariño amosado todos os días do ano, pero especialmente ao longo da campaña.

En canto á xornada de mañá, Da Silva confiou en que o día será tranquilo e animou á xente a que acuda a votar para defender os seus intereses e que Galiza teña representación no Congreso dos Deputados para poder ter un futuro mellor como país.

Acudirá a votar mañá ás 10 da mañá no local social do Gorgullón, acompañada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, así como de Kiko Da Silva, tamén candidato.

Comentar noticia

Your email address will not be published.