Carme da Silva: “O monte debe ser unha potencialidade para Galiza e non o maior problema ambiental do país”

A cabeza de lista asegura que o único voto útil para galegas e galegos é o BNG porque dará voz en Madrid ás súas necesidades concretas fronte ás forzas estatais “que nos ignoraron na última lexislatura”
Publicado por o día 13/04/2019 na sección de BNG,Política

Carme da Silva: “O monte debe ser unha potencialidade para Galiza e non o maior problema ambiental do país”

Carme da Silva reclamou hoxe en Bueu unha nova política forestal que potencie o uso diversificado do monte galego e o aproveite como potencialidade en Galiza non só cinguida á produción madeireira. Segundo dixo a cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia de Pontevedra, nestes momentos o desleixo das administracións galega e estatal fai que o estado do monte sexa “o maior problema ambiental de Galiza”, un “auténtico polvorín” que ano tras ano sufre problemas cos lumes por telo posto a disposición de Ence.

A futura deputada nacionalista apostou por un “cambio drástico de dirección nas políticas”, e destacou que o BNG defenderá no Congreso a necesidade de potenciar os ciclos pechados para a produción de especies autóctonas e a repoboación como método de recuperación de recursos, recoñecerá a propiedade comunitaria do monte, e introducirá as distintas variedades do eucalipto na Lei 4/2007 para ser considerada especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación como premisa para poder implantar un novo sistema integral de explotación económica do monte non só baseado na extracción de madeira, entre outras cuestións.

Da Silva destacou que Galiza é unha potencia forestal, xa que ten a maior superficie forestal do Estado, mais sinalou que o único uso que se está a facer dela a día de hoxe é poñela a disposición de Ence, supeditándoa aos intereses privados de produción de eucalipto e pasta. “Están a facer co monte o que lle dá a gana converténdoo no maior problema ambiental do país cando podería ser un grande beneficio ambiental ao que se lle podería sacar moito valor económico sustentable e rendible se houbese unha política forestal correcta”, salientou.

Estas declaracións foron realizadas pola número un do BNG ao Congreso nunha visita aos terreos da comunidade de montes de Beluso, na contorna de Cabo Udra en Bueu, onde se está a desenvolver un parque forestal coa subvención da Deputación de Pontevedra. Alí Da Silva destacou que a creación do parque é un exemplo claro de que habendo vontade política e de colaboración por parte das administracións se poden conseguir grandes avances na recuperación do monte galego e do seu uso multifuncional, “poñendo en valor todo o potencial que ten”.

Un dos comuneiros de Beluso, Moncho Millán explicou que o parque forestal impulsado coa colaboración de Concello e Deputación en Bueu terá máis de 48 hectáreas, nas que se eliminarán especies invasoras como a acacia e o eucalipto para substituílas por frondosas autóctonas. Realizarase un aproveitamento silvopastoral, acondicionaranse sendeiros e porase en valor o patrimonio arqueolóxico, ademais de mellorar un manancial para a construción dunha fonte, potenciando así os usos diversificados. “Aquí en Bueu estamos ben”, dixo outro dos comuneiros, “agora o que falta é que haxa deputados do BNG en Madrid”.

Voto útil para Galiza

Carme da Silva salientou que o seu obxectivo en Madrid será que o que se fixo nos terreos mancomunados de Beluso da man do Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra co pulo político do BNG tamén se traslade ao Congreso dos Deputados. Neste sentido, insistiu en que problemas importantes coma o do estado do monte galego non estiveron na axenda madrileña pola ausencia do BNG na pasada lexislatura.

“É necesario que o BNG estea en Madrid para dar voz a Galiza, porque se o BNG está, Galiza está. Xa se ten demostrado que as forzas estatais ignoran as necesidades de galegas e galegos, primeiro con goberno do PP e despois do PSOE co apoio de Podemos-En Marea. Os 23 deputados elixidos polas demarcacións galegas estiveron mudos e amosáronse inútiles para defender os intereses do país”, asegurou Carme da Silva.

“Temos que tomar nota do que aconteceu nestes últimos anos, porque as necesidades concretas de Galiza estiveron ausentes. Agora temos unha oportunidade para volver ter voz, e a única forza que de amosou útil para este pobo é o BNG”, dixo, instando aos desencantados e desilusionados a “apostar por Galiza apoiando ao BNG”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.