Carme da Silva: “O voto ao BNG é doble porque garante a voz propia de Galiza en Madrid e políticas verdadeiramente de esquerdas”

A cabeza de lista polo BNG ao Congreso reuniuse hoxe con delegados da CIG para apostar pola derrogación das reformas laborais, a negociación colectiva e das pensións
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Carme da Silva: “O voto ao BNG é doble porque garante a voz propia de Galiza en Madrid e políticas verdadeiramente de esquerdas”

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe en Vigo nun encontro con delegados da CIG que o voto ao BNG será dobremente útil o vindeiro 28 de abril dado que garantirá a voz propia de Galiza en Madrid e defenderá políticas “verdadeiramente de esquerdas” ao servizo de traballadoras e traballadores.

Da Silva destacou a necesidade de derrogar as últimas contrarreformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, e apostou pola elevación do salario mínimo e da pensión mínima cunha revalorización garantida co IPC, ademais de reclamar políticas que dean pulo aos sectores estratéxicos galegos e a novas actividades que permitan unha recuperación económica e do emprego. “Non nos podemos resignar a ter unhas taxas de paro tan elevadas xunto cunha emigración tan forte. Tampouco nos podemos resignar a ter as pensións das máis baixas do estado. Esixiremos coa nosa voz e presenza no Congreso dos deputados a defensa firme dos traballadores e traballadoras galegas”, afirmou.

A nacionalista destacou que é posible reverter as fondas desigualdades sociais e territoriais dende capacidade galega de decisión, rachando coas políticas dos gobernos españois e construíndo unha solución propia que desenvolva as potencialidades e recursos propios da Galiza. “As políticas das forzas estatais pretenden consolidar un papel de actriz secundaria para Galiza, dependente e subalterna, se ben o que é preciso é traballar por políticas industriais que consoliden os sectores estratéxicos, co apoio á innovación e investigación, e que sirvan de base á recuperación”, subliñou.

Da Silva explicou que o BNG apostará por medidas de valorización dos salarios e pensións, de redución da xornada laboral, polo desenvolvemento dun Marco Galego de Relacións Laborais, pola combatividade contra a precariedade e a temporalidade, e pola erradicación das fendas por xénero.

Neste senso, a cabeza de lista subliñou que Vigo ten 22.588 desempregados, dos que máis do 57,5% son mulleres, sendo as galegas as que máis sofren de todo o Estado a fenda salarial, ao cobrar menos do 28% que os homes e cunha situación que non mellora. “Ao ritmo de recuperación actual esa fenda salarial de xénero tardaría máis de seis séculos en eliminarse”, dixo.

“A esta situación hai que poñer voz propia para Galiza. Temos que facer valer os intereses dos país e nunha situación na que non haberá maiorías absolutas o voto do BNG no Congreso será determinante para loitar polos dereitos de galegas e galegos, impedir os gobernos da dereita autoritaria e españolista e garantir os dereitos democráticos fundamentais tanto individuais como colectivos”, subliñou.

Dinamización económica, comercial e produtiva dende o Concello

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que a cidade olívica “é un exemplo claro da necesidade urxente de botar abaixo as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, que impuxo o Partido Popular e que o goberno do PSOE e os seus socios da esquerda española mantiveron intactas” co resultado de 9.400 postos de traballo menos que hai dez anos.

O nacionalista explicou as liñas xerais da súa proposta a nivel municipal no relativo a emprego, salientando a aposta por duplicar o orzamento do Plan Municipal de Emprego, aumentar o emprego público, implicar o Concello na dinamización económica, comercial e produtiva e avanzar na recuperación da xestión pública directa dos principais servizos municipais. “Nós concibimos a cidade como unha comunidade humana, e o noso obxectivo é facer unha cidade para o pobo, para as clases populares e traballadoras que representan a maioría social. Unha cidade na que sexa realidade poder vivirmos dignamente do noso traballo na propia terra”, sintetizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.