Carme da Silva: “O voto útil é que o BNG estea en Madrid para defender os intereses de Vigo e de Galiza”

A candidata ao Congreso pola provincia de Pontevedra asegurou que esta lexislatura deixou claro que os partidos estatais “altérnanse na discriminación ao país” e que é preciso “ter unha voz propia”
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Carme da Silva: “O voto útil é que o BNG estea en Madrid para defender os intereses de Vigo e de Galiza”

A  cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais do 28 de abril pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou hoxe na presentación da candidatura nacionalista en Vigo que “o voto útil para as viguesas e vigueses é que o BNG estea no Congreso”. Da Silva afirmou que “como cidade con máis habitantes de Galiza e motor industrial do país Vigo non pode permitirse estar ausente de onde se toman as decisións importantes que lle afectan, se ben nesta última lexislatura os partidos estatais alternáronse en discriminar a Galiza e a Vigo en particular”.

Da Silva destacou que na última lexislatura comprobouse o resultado de que o Bloque non tivera representación no Congreso, xa que cun goberno do PP e un goberno do PSOE “Galiza non estivo” xa que “se comportaron exactamente igual porque non había unha voz galega que puxera o país por riba de todo”. Lembrou que os últimos orzamentos do estado foron os máis baixos en 17 anos e fixo fincapé en que contaron co apoio de Podemos e Marea, para asegurar que  cando quen negociaba usaba a súa capacidade para decidir, como fixo o BNG, as partidas para Galiza foron as máis altas que nunca houbo.

A candidata ao Congreso asegurou que “Galiza non se pode permitir estar outros catro anos sen voz e Vigo moito menos”. Afirmou que Vigo, caracterizada por ser a cidade pioneira de Galiza en desenvolvemento industrial, tecnoloxía, motor que tirou do país e do que saíron grandes proxectos de marca galega “ten que recuperar o seu impulso, volver ter voz, e marcar a axenda”.

Así, Da Silva fixo un relatorio dalgunhas das necesidades da cidade olívica. Subliñou que “Vigo non pode seguir cunhas comunicacións ferroviarias como as que ten”, senón que debe contar con liñas para dar servizo ao Porto e potencialo como un nó de transporte de mercadorías dos máis importantes de Europa. “Tampouco se pode permitir ter o aeroporto como está… Hai que falar do abastecemento de auga, que algo terá que facer o estado que é a súa obriga. Do saneamento da ría. Por non falar da AP-9, na que pagamos unha portaxe que galegos e galegas xa pagamos moitas veces antes. Non pode haber millóns de euros para recuperar as radiais madrileñas e que nós teñamos que seguir pagando”, enumerou.

Con esta situación, dixo Da Silva, “a partir do 28 de abril temos a confianza de que volveremos a ter presenza no Congreso e, polo tanto, Vigo e Galiza volverán estar nos debates e volverán ter capacidade para decidir e influír nas decisións”. Explicou, de feito, que nun escenario sen maiorías absolutas os deputados do BNG terán máis capacidade de traballar por Galiza que os 23 “que ata agora estiveron mudos e foron cómplices de decisións que prexudicaron ao país e a Vigo en concreto”. “Non hai nada máis inútil que as forzas estatais que toman as decisións en función do que lle mandan en Madrid. Para nós non hai máis compromiso que Galiza”, finalizou.

No acto de presentación da candidatura ás xerais estivo tamén presente Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG á alcaldía de Vigo, quen manifestou a súa confianza na presencia de Carme da Silva no Congreso para a defensa dos intereses de Vigo. “Para Vigo é fundamental volver termos ao BNG no Congreso, como moi ben demostrou durante anos a traxectoria do Bloque en Madrid coa compañeira Olaia Fernández Davila e antes con Guillerme Vázquez”, dixo.

“Temos que facer valer os intereses da nosa cidade, de Vigo, como unha cidade que quere producir, que quere ser un pulmón industrial”, subliñou, para engadir que o voto ao nacionalismo vai ser un voto dobre, xa que non só vai defender os intereses de Galiza e de Vigo en concreto, senón que botará abaixo as reformas laborais e outras leis que permitiron unha involución democrática no Estado.

Acompañando a Carme da Silva e a Xavier Pérez estiveron tamén a ex parlamentaria Olaia Fernández Davila, así como os integrantes vigueses das listas do Congreso Xesús López Carreira e Cristina Hermida e do Senado Cecilia Pérez Orxe e Segundo González.

Comentar noticia

Your email address will not be published.