Carme da Silva: “Precisamos que nosa xente moza volva a Galiza para sacar o país adiante”

A cabeza de lista reuniuse hoxe ‘vía Skype’ cun grupo de mozos e mozas emigradas para falar das políticas de mocidade do BNG
Publicado por o día 21/04/2019 na sección de BNG,Política

Carme da Silva: “Precisamos que nosa xente moza volva a Galiza para sacar o país adiante”

Instou á mobilización da cidadanía o 28A votando ao Bloque para “que as cousas cambien” e Galiza teña voz propia para defender os seus intereses en Madrid

“Precisamos que a nosa xente moza volva, que o talento volva a Galiza para sacar o país adiante”. Así o indicou hoxe a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, nun encontro vía ‘Skype’ cun grupo de mozos e mozas emigradas aos que explicou as propostas do BNG para que a mocidade galega teña futuro na Galiza en condicións dignas de emprego.


Da Silva destacou que existe unha desconexión entre os recursos existentes en Galiza, a formación da súa mocidade, e a capacidade para xerar emprego de calidade na propia terra. Destacou que é preciso desenvolver políticas de retorno, impulsar o tecido produtivo propio do país para aproveitar todas as súas potencialidades económicas e laborais, derrogar as contrarreformas para fomentar o emprego estable e digno, e tamén transferir a Galiza a política de bolsas para conceder axudas en función da realidade socioeconómica galega.

“Ningún país se pode permitir que o seu capital humano marche, sobre todo a xente nova con capacidade para desenvolver o potencial, investigar… Isto non acontece noutros países, que incluso pagan por quedar cos seus máis brillantes expedientes. Aquí Feijóo e as políticas estatais regalan unha maleta ás persoas mozas con talento a pesares de que as necesitamos para sacar adiante o país e frear o seu avellentamento”, subliñou.

A cabeza de lista destacou que é preciso que Galiza poida adoptar solucións propias acaídas coa súa realidade. Como exemplo, puxo a diferente situación da xente moza en Euskadi e Cataluña, onde os nacionalismos teñen máis forza, políticas propias, influencia no Estado, e gozan dun maior desenvolvemento económico. “Se durante a crise en Galiza tiveramos o nivel de emprego de xente moza que tivo Euskadi habería pleno emprego, algo que pon de manifesto a situación do noso país no marco do Estado”, destacou.

Da Silva insistiu en que o 28A é unha oportunidade para “exercer presión e cambiar as cousas” tanto en materia de emigración en concreto como para que Galiza teña voz independente e poida aportar solucións propias a outros problemas propios da man do BNG no Congreso dos deputados.

“É preciso –dixo- sacar da irrelevancia política ao noso país, por iso ás persoas que lle queren a Galiza, votasen antes a quen votasen, quero dicirlles que non hai outra forza política que exerza a defensa dos galegos e galegas con máis firmeza e dignidade que o BNG. Sería un erro histórico que Galiza non obtivera representación propia nas Cortes españolas, e votar BNG é votar dobre, porque garante o voto para defender a Galiza e tamén para frear á dereita rancia que quere volver 40 anos atrás nas políticas, dereitos e liberdades”.

Condición de emigrante dentro do Estado e posibilidade de voto

Carme da Silva falou das políticas de mocidade e emigración do BNG vía Skype con catro mozos e mozas galegos na emigración: Noelia (3 anos en Alemania), Saleta (tres anos e medio en Londres), Rubén (13 anos en Barcelona) e Hugo (7 anos na Occitania francesa). Tamén estivo acompañada por Marta, unha moza de 19 anos pontevedresa que pensa en emigrar e Iria, moza emigrada a Gales dende hai dous anos e medio e que está a pasar uns días coa familia.

Na conversa todas as mozas e mozos subliñaron que a falta de perspectivas laborais de calidade dentro do país foi a que lles fixo marchar, algo que cualificaron de “moi duro”. Tamén sinalaron que a curto prazo non teñen expectativas de poder construír un futuro de calidade na terra. “En Francia agora estase a vivir o movemento social dos chalecos amarelos polas políticas ultraliberais de Macron, pero aínda con esas políticas ultraliberais as condicións de vida aquí son mellores que no Estado español”, salientou o mozo emigrado ao sur francés.

Outros dos aspectos que se puxo sobre a mesa foi a necesidade de conceder a condición de emigrante á xente moza que sae de Galiza a outras localidades do Estado. “Que eu estea en Barcelona para o goberno non é emigración, quedamos á marxe dos datos de persoas ausentes e só en Cataluña hai unas 160.000 persoas nadas en Galiza”, destacou o mozo emigrado a Cataluña.

Finalmente, outra reclamación que se abordou no encontro foi a dificultade para votar que teñen os e as emigradas ao estranxeiro, xa que as embaixadas habilitadas polo Estado soen estar lonxe das localidades de residencia e hai que pagar polo voto, sendo un esforzo económico e de tempo que moitas persoas non están dispostas a afrontar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.