Carmela Silva: “A palabra empoderada das mulleres vai cambiar o mundo”

A presidenta da Deputación inaugura na sede de Vigo a exposición coas palabras e fotografías do 8M reivindicando así a necesidade de facer permanentes, máis aló da data, as reclamacións das mulleres
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Carmela Silva: “A palabra empoderada das mulleres vai cambiar o mundo”

“A loita continúa, é unha fermosa loita, estou segura que a palabra empoderada das mulleres vai cambiar o mundo. Non teño dúbidas”, asegurou Carmela Silva na inauguración na sede de Vigo da Deputación da mostra “8M. A palabra empoderada das mulleres”. A inauguración completou o aforo da Sala Rosalía de Castro coa presenza de asociacións de mulleres, amais de mozas e mozos do colectivo “Comando Igualdade”, que asistiron á apertura desta exposición de palabras, carteis, pancartas e imaxes das manifestacións do oito de marzo, coordinada por Antón Sobral, que reivindica a necesidade de facer permanentes, máis aló da data, as reclamacións das mulleres.

Para a presidenta provincial, “o 8M é un día moi relevante para todos aqueles dereitos que as mulleres reclamamos, os nosos, os que temos que ter porque somos o 52% da poboación, os dereitos que esiximos como sociedade que precisa dun cambio moi importante na ocupación do espazo por parte da metade da poboación”. Durante ese día, destacou, as mulleres saen ás rúas “con carteis moi potentes pero efémeros”. Por ese motivo xorde a mostra, que estará na sede viguesa ata o 1 de setembro, para reivindicar a necesidade de facer permanentes, máis aló do 8M, as reclamacións das mulleres a través de carteis empregados nas manifestacións celebradas este ano en Vigo e Pontevedra e fotografías “dunha grande creatividade”, realizadas por Miguel Vidal, Xulio Gil e Fátima Cobo. Amais das pancartas e fotografías, na sala Rosalía de Castro tamén se amosan en vinilo “dúas frases cun enorme contido” de Chis Oliveira e Amada Traba, centrada na revolución nos coidados, “o centro do Estado de Benestar”, e de Inma López Silva, vinculada coa necesidade de “mudar o modelo de poder e construír unha nova forma de relacionarnos”.

A exposición “8M. A palabra empoderada das mulleres” trátase dunha obra colectiva de reivindicación feminista que conta con 15 fotografías e 13 pancartas das manifestación deste ano en Vigo e Pontevedra, así como das celebradas en países como Italia, Francia, Alemaña e Suecia. Sobre a mostra, o comisario Antón Sobral destacou a súa importancia para enxalzar, ao igual que Silva, que “a loita non é un día, son todos”. Sobral, que fixo fincapé no papel que desenvolve a Deputación no conxunto de Galicia e do resto do Estado “no eido da loita pola igualdade e revolución feminista”, aproveitou a ocasión para facer súas as palabras e reivindicacións recollidas no poema “Somos mulleres” de Elvira Sastre, asegurando que “un mundo sin mujeres/ no es más que un mundo vacío y a oscuras. Y nosotras/ estamos aquí/ para despertaros/ y encender la mecha”.

Para o acto de inauguración decorouse a sala Rosalía de Castro con algúns dos paraugas lilas que formaron parte da instalación realizada pola artista Irene Silva no Pazo provincial da Deputación con motivo do 8M. Amais, aproveitouse a ocasión para anunciar que na web da institución provincial se publicarán os nomes das persoas que participaron en marzo no sorteo para optar a un deses paraugas “con palabras –segundo destacou Silva- que tanto nos empoderan”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.