Carmela Silva afirma que Andrés Díaz converteu a Ponte Caldelas nun concello de referencia

A presidenta da Deputación visita as obras da praza de España e coñece, de primeira man, o proxecto para a nova Estación Termal
Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Carmela Silva afirma que Andrés Díaz converteu a Ponte Caldelas nun concello de referencia

“Ponte Caldelas converteuse nun concello de referencia en Galicia e, despois dos últimos resultados electorais, augúrolle un futuro extraordinario con Andrés Díaz á cabeza”, así o afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a visita realizada hoxe para coñecer o resultado final das obras da praza de España e achegarse ao proxecto municipal para a futura Estación Termal nos terreos do antigo Balneario.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo deputado de Cooperación, Carlos Font, a presidenta amosouse moi sorprendida polo resultado final da humanización da praza de España e asegurou que o resultado goza “dunha estética incrible”, “encántame”, recalcou, “porque supón unha aposta clara por un centro urbano para as persoas”.

A presidenta destacou o equilibrio que Ponte Caldelas representa entre a modernización das infraestruturas urbanas e o coidado permanente do seu rural, un modelo que ten tamén moi en conta a relación e diálogo constante e fluído coa veciñanza.

Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradeceu o cambio que supuxo este mandato na Deputación, “unha institución que agora trata aos concellos como maiores de idade”. Engadiu que o Plan Concellos supón aire para a totalidade dos municipios, con independencia da súa cor política, e destacou que os plans extraordinarios, como o de Reequilibrio permitiron tamén aos concellos “concursar” presentando os mellores proxectos para financiar proxectos singulares “e todo cunhas condicións previas establecidas, claras e transparentes”.

O alcalde caldelán animou á Xunta a seguir o exemplo da Deputación de Pontevedra poñendo en marcha un verdadeiro Pacto Local que garanta o financiamento dos concellos. “Aquí, en Ponte Caldelas, teñen outro exemplo máis de que, a pesar de catro anos de asfixia económica o resultado electoral foi maioría absoluta de signo político distinto”. “A veciñanza de tódolos municipios de Galicia”, engadiu, “merece o mesmo trato do Goberno galego”.

A visita concluíu ao pé dos terreos da futura Estación Termal, onde Ponte Caldelas está impulsando os últimos pasos para a licitación das obras dunha instalación pública, construída e xestionada por unha empresa coa fórmula dunha concesión administrativa. Unhas termas, explicou o alcalde, que estarán nun lugar estratéxico entre Pontevedra e Vigo e chamadas a converterse nun motor turístico e económico non só para Ponte Caldelas, senón para toda a provincia.