Carmela Silva amosa a súa satisfacción polo éxito acadado en FITUR do Camiño Portugués pola Costa

A presentación da Deputación de Pontevedra en FITUR suma máis do dobre de asistentes que o resto de presentacións organizadas.
Publicado por o día 24/01/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva amosa a súa satisfacción polo éxito acadado en FITUR do Camiño Portugués pola Costa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou hoxe a súa satisfacción polo éxito acadado en Fitur do “Camiño Portugués pola Costa”, unha ruta que transcorre por quince concellos da provincia de Pontevedra, comezando na Guarda e dirixíndose cara o Norte polo Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas, Valga e Pontecesures. De feito, Silva engadiu que “a nosa presentación foi a que máis soprendeu, sumando máis do dobre de asistentes, con ducias de persoas de pe porque xa non había espazo no que sentarse”, convertendo á Deputación de Pontevedra na estrela do stand de Galicia.

A actuación promocional do “Camiño Portugués pola Costa” apoiábase nunha serie de pezas audiovisuais – en palabras da Presidenta provincial-  “espectaculares, nas que as persoas eran as protagonistas, en concreto, unha redeira, un arqueólogo, un investigador en aves mariñas, unha viticultora, unha experta en termalismo e outra en cascos históricos e, por outra banda, o Camiño Portugués pola Costa a través do percorrido que vai realizando un peregrino”.

Carmela Silva manifestou que outra das cuestións que “sorprendeu en Fitur foi o caderno de viaxe que recolle as etapas do Camiño Portugués pola Costa e os principais recursos turísticos que as peregrinas e peregrinos poden visitar mentres percorren a ruta, algúns deles pódense ver mediante a aplicación Rías Baixas RA de realidade aumentada”.

En concreto, o caderno de viaxe iníciase coa etapa entre A Guarda e Mougás, continúa entre Mougás e A Ramallosa, A Ramallosa- Vigo, Vigo- Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis e Caldas de Reis-Pontecesures. En todas e cada unha destas etapas, é posible ver algúns recursos turísticos a través da realidade aumentada, ler información relativa á distancia, desnivel, albergues, onde marcar a credencial e escribir ou colocar fotografías nos espazos destinados a estes fins.

Amais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que a canción “Un lugar en el mundo”, escrita polo músico das Rías Baixas Teo Cardalda e inspirada na brisa do Atlántico mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa, foi tamén “unha sorpresa” en Fitur, sumando a máis persoas á presentación do destino Rías Baixas.

A presenza física de Turismo Rías Baixas en Fitur trasladouse ó mundo dixital con grande éxito en redes sociais,  “o que –en palabras de Carmela Silva- nos anima a seguir apostando polas novas tecnoloxías no sector turístico”.  En concreto, a Presidenta referiuse ás máis de 288.000 persoas que seguiron a etiqueta #RiasBaixasWay, “contabilizándose 1,9 millóns de impresións ou impactos, o que supón un grande éxito en redes sociais” e engadiu que “as páxinas de Facebook da Deputación e de Turismo Rías Baixas, tiveron un alcance de 145.895 persoas, con contidos e vídeos que se reproduciron máis de 41.000 veces. Amais, as pezas audiovisuais que presentamos en Fitur dispostas nas canles de Youtube da Deputación e de Turismo Rías Baixas foron reproducidas máis de 2.20o veces e os vídeos de demostración da realidade aumentada contabilizan na primeira fin de semana máis de 12.000 reproducións e impresións nas redes sociais”.