Co obxectivo de seguir a impulsar os viveiros de empresas na provincia, incrementar o seu nivel de ocupación e deseñar un proxecto de uso sostible con eventos de networking, programas, sesións e formación práctica, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe en Lalín o novo plan de promoción e dinamización dos viveiros de empresas que ven a completar as accións desenvolvidas no último ano. O programa, detallado pola presidenta no decurso da visita ás instalacións na que estivo acompañada polo alcalde Xosé Crespo, ten tres obxectivos fundamentais: seguir poñendo en valor o rol dos viveiros de Lalín e Barro “como unha ferramenta fundamental de apoio á creación de tecido empresarial na provincia”; o fomento e apoio ao emprendemento e as iniciativas empresariais; e seguir a adecuar os servicios e accións dos viveiros ás necesidades das persoas viveiristas e da contorna.
A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que o novo plan enmárcase na aposta da institución provincial polos viveiros como ferramentas claves para o tecido empresarial. “Imos redoblar o noso compromiso para que de aquí a nada non haxa nin naves nin oficinas valeiras”, asegurou Carmela Silva. Para elo, o plan vai “dar participación ao coñecemento das persoas, porque a intelixencia está fóra e queremos contar con ela”. Tamén vai divulgar vídeos que “amosen as vivencias e desenvolvementos dos proxectos que se están a instaurar nos viveiros” e presentalos como “espazos de atracción para impulsar ideas emprendedoras”. Ademais, a presidenta subliñou a vontade de converter aos viveiros en “espazos abertos á sociedade” a través da creación de “alianzas de colaboración” e da “suma de sinerxías”.
Pola súa banda o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, agradeceu a aposta da Deputación de Pontevedra polo viveiro de Lalín “máis nun momento como o que estamos a vivir, no que todas e todos estamos moi preocupados, cunha nova realidade que temos que afrontar”. Crespo tamén aproveitou a ocasión para poñerse a disposición da Deputación e agradecer “a magnífica relación institucional existente”. Ao respecto, o alcalde destacou a “boa vontade” entre ambas institucións para sacar adiante proxectos en Lalín.
O Plan de Dinamización contempla un novo programa de apoio ao emprendemento rural amais dunha campaña de promoción, dúas iniciativas que a Deputación desenvolverá mediante un convenio coa Fundación Roberto Rivas, que traballa no impulso do emprendemento social en entornos rurais que propicien o arraigo da poboación no territorio. Nunha videoconferencia desde o viveiro coa directora da Fundación, Olga Rivas, a presidenta provincial explicou que o convenio, cun importe de 30.000 euros –dos cales a Deputación achega 18.000 e a Fundación 12.000 euros-, ten como metas fundamentais o fomento do emprendemento e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais na comarca do Deza. “Síntome moi orgullosa –destacou Carmela Silva- de traballar coa Fundación Roberto Rivas, que tanto está a traballar para impulsar as contornas rurais, para xerar oportunidades e loitar contra o despoboamento, garantindo o benestar da cidadanía a través de sociedades conectadas e innovadoras”.
Pola súa banda Olga Rivas asegurou que o convenio xorde para apoiar “todo o talento e ideas que hai no territorio”. Neste eido, a directora da Fundación Roberto Rivas agradeceu á Deputación a oportunidade “de colaborar, de aportar e traballar xuntas e xuntos e máis nestes momentos, para poder transformar todos os ámbitos que temos que dinamizar e facer fronte á nova normalidade e aos retos que temos de futuro”.
Así, o I Programa de apoio ao emprendemento no rural do Viveiro de Lalín axudará ás persoas emprendedoras e empresas a desenvolver as súas ideas de negocio. Poderán participar novas iniciativas empresariais e tamén aquelas que estean en funcionamento e queiran poñer en marcha novas liñas de negocio ou precisen consolidarse ou redeseñar os seus proxectos. O programa terá 3 fases, tal e como detallou a presidenta provincial: unha primeira para seleccionar cinco proxectos; unha segunda fase de seis meses para o seu desenvolvemento, e unha terceira de Demo Day. Tamén haberá sesións formativas dos proxectos escollidos de habilidades emprendedoras, modelo de negocios CANVAS, testeo Start-Up, plans de comunicación, comerciais e económico-financeiros.
En canto á campaña de promoción, a Deputación convocará un Concurso de Ideas entre o alumnado e antigo alumnado de ciclos formativos de Comunicación, Imaxe e Son, Artes gráficas e Comercio e Marketing, Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas da Uvigo. A convocatoria será pública e poderase participar de xeito individual ou grupal. A Fundación Roberto Rivas formará parte do xurado do concurso e outorgará unha bolsa de dous mil euros a idea gañadora.
O Plan tamén integra accións como a promoción de experiencias das persoas viveiristas, a comunicación de casos de éxito ou a organización de visitas concertadas do alumnado de estudios superiores e ciclos de emprendemento. Igualmente se traballará na creación de novas alianzas con entidades, e o establecemento dos viveiros como centro base do programa TIC Emprendes.
As mellores cifras de ocupación do viveiro
“Temos un firme compromiso con este viveiro e, ata o de agora, accións que desenvolvemos deron xa resultados”, asegurou a presidenta da Deputación. Neste eido, Carmela Silva mostrou a súa satisfacción polo nivel de ocupación alcanzado no viveiro de Lalín que está nas súas mellores cifras: “os espazos cobran vida cando dentro hai persoas e ideas e este viveiro está a ter cada día máis corpo”. Así, catro das cinco oficinas están a pleno rendemento con empresas dedicadas a servizos veterinarios para explotacións gandeiras (Javier Campos Beltrán); á comercialización de maquinaria industrial (Solkajier Technic SL) e un servicio de coaching e asesoramento educativo (Leticia del Valle Ortín), ademais da oficina SmartPeme. En canto ás naves, Arzeos Aircraft, ocupará unha nave para a fabricación de utralixeiros e Bezos & Jobs Supplies, outra para a prestación de servicios de importación para terceiros.
Carmela Silva tamén coñeceu os datos “inmellorables” de asesoramentos a empresas desde a oficina que SmartPeme ten no viveiro. Desde a súa creación o servizo da Deputación destinado a pemes e persoas autónomas realizou 632 asesoramentos a 351 empresas. En canto a este ano 2020, como xa ocorreu no resto da provincia, o confinamento e a pandemia dispararon os asesoramentos. Así, neste primeiro semestre obtivo un crecemento de ata un 71%, cunha media de 24,5 asesoramentos ó mes fronte aos 18 do pasado ano.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.