Carmela Silva anuncia a retirada dos máis de 300 eucaliptos da finca do castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que esta especie invasora “é una lacra para a natureza da nosa provincia”.
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva anuncia a retirada dos máis de 300 eucaliptos da finca do castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a institución provincial vén de adxudicar a tala de todas as pezas de eucalipto, máis de 300, que se atopan na finca do castelo de Soutomaior. As pezas desta árbore están espalladas nos terreos anexos ao castelo, ao longo das 25 hectáreas de explotación forestal das que dispón entre as súas máis de 33 hectáreas de extensión total. Os traballos poderían comezar xa a semana que ven, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan (xa que en caso de chuvia a maquinaria labraría moito os terreos e iso repercutiría negativamente neles), e terán unha duración como máximo de dúas semanas.

Carmela Silva sinalou que “esta actuación é unha mostra de como entende esta nova Deputación o coidado do noso patrimonio medioambiental” e amosou a súa “satisfacción moi especial con este tipo de decisións porque creo que conservar a nosa contorna, as nosas árbores senlleiras e os nosos bosques tal como os creou a natureza ten unha importancia vital”. Silva explicou que “coa tala dos eucaliptos protexemos estas fermosas árbores, numerosas nos terreos do castelo de Soutomaior, e que estamos a promover a través dunha campaña de coñecemento das árbores senlleiras da provincia co gallo do Día Mundial da Árbore que se celebrou este martes”. A presidenta provincial, ademais, lembrou que “isto tamén repercute no mantemento do noso número de visitantes, que teñen na paisaxe e no medio ambiente un potencial enorme”.

Na finca do castelo de Soutomaior atópanse neste momento máis de 300 pezas de eucalipto, unhas 333, que “non soamente impedían gozar das vistas que permiten a localización privilexiada deste espazo, senón que ademais supoñen un grave perigo medioambiental”, asegurou Carmela Silva. A presidenta sinalou que “proceder ao alleamento desta especie, que é sen dúbida unha lacra para a nosa natureza, vai ser moi beneficioso para todas e todos nós” e que “non ten sentido que a finca de Soutomaior estea repleta de eucaliptos, acabando coa calidade non so estética senón tamén do seu solo”.

A partir do momento en que comecen os traballos, a empresa terá un período de dúas semanas para proceder á retirada de todas as árbores. A empresa aproveitará todas as pezas de 7 centímetros ou máis de diámetro e as pezas de menor tamaño serán dedicadas á elaboración de compostaxe. A empresa adxudicataria é Díaz y Buceta, S. L., que ofreceu un importe de 34,24 € por tonelada de madeira.

Deste xeito, a Deputación de Pontevedra asegura a fin da presenza dunha especie invasora, non protexida, que esquilma o chan, que compite excesivamente cos demais elementos da natureza cos que convive tanto en luz como en auga e nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustíbeis da súa casca e das súas follas supón un grave risco en caso de incendio xa que provoca unha aceleración da propagación do lume.