Carmela Silva apela á necesidade de rachar o modelo patriarcal “que nos impide acadar o que é noso e nos pertence”

Na xornada “Hackeando o patriarcado”, organizada coa Universidade de Vigo, Silva reivindicou a importancia do feminismo que xunto á salvagarda do planeta “son os dous fitos políticos, sociais, económicos e culturais máis importantes”.
Publicado por o día 12/12/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Carmela Silva apela á necesidade de rachar o modelo patriarcal “que nos impide acadar o que é noso e nos pertence”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, inauguraron o workshop “Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado” na Escola de Empresariais da universidade. A xornada enmárcase na Cátedra de Feminismos 4.0 que desde este verán impulsa a institución provincial xunto á universidade para poñer sobre a mesa os problemas da desigualdade entre xéneros e visualizar a figura de grandes referentes feministas.

Segundo explicou a presidenta provincial o workshop “analiza con voz de muller científica, investigadora, formada e analítica, o que está a acontecer no mundo dixital, que non é nada alentador”. Neste eido, Carmela Silva recordou as descalificacións que sofren as mulleres nas redes sociais e o número, cada vez menor, de mulleres matriculadas en carreiras técnicas. Por estes motivos a presidenta reivindicou a necesidade de “poñer enriba da mesa o que acontece para poder dar respostas que nos permitan hackear o patriarcado. Debemos cambiar o modelo, un modelo que nos impide acadar aquelo que é noso e nos pertence”.

Para Silva “non hai ningunha cuestión máis relevante na sociedade que traballar para garantir que o 52% da poboación acade os seus dereitos. Non hai nada máis importante que isto xunto á loita para salvagardar un planeta que estamos destruíndo e estas cuestións son os dous grandes fitos políticos, sociais, económicos, culturais máis importantes que están enriba da mesa e que teñen que ter un compromiso, dende logo por parte das administracións públicas pero tamén do conxunto da sociedade”. A presidenta reivindicou a importancia do movemento feminista, “a filosofía máis potente creada xa que está centrada na loita para que toda a humanidade poida acadar aquelo que lle corresponde”. Neste eido, enxalzou o papel da Cátedra de Feminismos 4.0, xa que “todo movemento filosófico precisa do coñecemento, da análise de datos, de propostas cada vez máis avanzadas e que se correspondan cos novos retos que temos por diante as mulleres e, todo isto, é o que pretendemos coa cátedra e coa xornada de hoxe”.

Pola súa banda a vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, destacou que “somos o cambio, non nos conformamos co que está vixente e estamos a facer cousas como esta xornada para mover á sociedade”. De feito, o workshop “Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado” tratouse dun espazo de reflexión colectiva ao redor da existencia do patriarcado dixital no que se abordaron cuestións como a misoxina das redes de Internet, entre gamers, algoritmos con rumbos androcéntricos ou nos videoxogos, onde conviven os contidos sexistas e machistas coa censura dos contidos feministas.

Así, participaron na xornada Amparo Alonso Betanzos, María Álvarez Lires, Amelia Verdejo, Marina Amores e Mercedes Rodríguez. Todas elas foron nomeadas pola presidenta Carmela Silva ás que cualificou como “mulleres potentísimas, que aportan e teñen moito que aportar e nos van facer copartícipes do seu coñecemento”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.