Carmela Silva apela á suma de sinerxías para captar fondos europeos para “seguir a ser o destino turístico tan potente que somos”

A presidenta da Deputación trasladou na xornada do Clúster de Turismo as importantes cifras que manexa o Goberno do Estado para modernizar o sector, onde os fondos europeos terán un impacto global de ata 44 mil millóns de euros
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva apela á suma de sinerxías para captar fondos europeos para “seguir a ser o destino turístico tan potente que somos”

“Imos dispoñer de recursos moi importantes para poder facer fronte a esta situación, para modernizar e facer que medre o sector turístico, e necesitamos sumar sinerxías para poder captar fondos europeos e seguir a ser o destino tan potente que somos”. Con esta afirmación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, pechou hoxe a primeira parte da xornada “Turismo: Reinventar o presente”, impulsada polo Clúster de Turismo e a institución provincial. Na intervención, a presidenta trasladou ao sector as cifras económicas que manexa o Goberno do Estado para enfrontar a crise, dando a coñecer os datos avanzados esta mesma mañá por Fernando Valdés, secretario de Estado de Turismo, durante a xuntanza da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que a Deputación é a única integrante galega.

“Dos 72 mil millóns de euros non reembolsables, que chegarán de Europa, ata 44 mil millóns terán impacto no sector turístico”, informou Carmela Silva citando as palabras desta mañá do secretario do Estado, quen tamén adiantou na xuntanza da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que o Consello de Ministros vai aprobar o 28 de decembro o Real Decreto Lei de Flexibilización da Xestión dos Fondos. A presidenta explicou na xornada do Clúster que o goberno de España prevé que ata 21.150 millóns irán para accións de seguridade, sanidade e entorno empresarial; 8.180 millóns para a apertura de mercados e a sustentabilidade; 8.700 millóns para o desenvolvemento de infraestruturas, axenda urbana e mobilidade e outros 6.200 millóns de € para a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e natural. Neste eido, Carmela Silva trasladou a importancia de traballar unidas e unidos para “dar resposta aos grandes retos que veñen por diante para modernizar o sector, entre os que se atopan a dixitalización, a sustentabilidade, a xeración de riqueza no territorio, as canles de distribución e a excesiva dependencia da turoperación”.

A presidenta fixo extensivo que dende o goberno do Estado estase a incidir na colaboración interinstitucional. Deste xeito, amosoulle ao Clúster de Turismo a súa vontade de “dedicar moitas horas para poñer en marcha plans potentes para que os recursos cheguen ao sector e fagan que sigamos a ser un modelo turístico” e pediulle tamén que “nos obrigue ás administracións públicas a sentarnos, porque para poder transformar todo o sector turístico en Galicia precisamos plans globais nos que todas e todos participen”. A presidenta aproveitou a ocasión para poñer en valor ao Clúster e ao sector “que con xornadas como “Turismo: Reinventar o presente” está a amosar que non se vai render, que vai converter a situación actual nunha oportunidade”.

A xornada do Clúster de Turismo, que mañá remata, está a abordar diferentes aspectos para impulsar o sector turístico nesta situación de pandemia. Ao respecto, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster, que agradeceu á Deputación á súa implicación na actividade, puxo como exemplo á institución provincial en canto á “colaboración público-privada” e enxalzou a súa “aposta pola promoción do turismo desde unha concepción contemporánea e rigorosa”. En canto aos retos de futuro, Pardal subliñou que “enfrontámonos a unha transición dende a inactividade ata a recuperación da normalidade, nun momento no que temos comprobado o importante que é a mobilidade e as relacións humanas. Tarde ou cedo recuperaremos a normalidade aínda que esta crise marcará un antes e un despois no turismo”. Deste xeito, o presidente do Clúster apelou a “sentar as bases dun novo tempo” no que as TIC, a intelixencia artificial, o traballo colaborativo e o big data serán fundamentais e para o que haberá que “perfeccionar experiencias e adecualas ás esixencias das e dos turistas, dende que comezan a planificar a súa viaxe ata que comparten a experiencia memorable”.

“Turismo: Reinventar o presente” concentrou hoxe as conferencias de Fabián González (Phocuswright) sobre “Innovación en tempos de covid-19”, de David Bonilla (Manfred) sobre “Recruiting en tempo de covid-19” e de Sixto Arias (fundador de Capaball) sobre “Aprender a aprender”. Tamén desenvolveuse unha mesa de debate sobre “Protocolos e resiliencia aplicadas ao turismo” con José Carlos Campos (director comercial de Paradores), Rosa Muñoz (Asociación Española de Directores de Hotel) e Tania Marcos (responsable de Cidades Intelixentes da Asociación Española de Normalización), e outra sobre “O dato: pilar da intelixencia turística” con Iván Leanizbarrutia (nethodolo.gy), Raúl Serapio (Neuromobile) e Gerson Beltrán (MiMundoGeo).

A xornada pecharase este venres coas conferencias de Nacho Alcalde (CEO de Citifocus) sobre “Territorios intelixentes: valores, visión e tecnoloxía”; de Mónica Deza (CEO de BendIT) sobre “Comunicación e xestión de marca en épocas de crises” e Francisco Javier García (director de Digital Public Services de Red.es) sobre “O programa de Destinos Turísticos Intelixentes”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.