Carmela Silva asina coa alcaldesa de Moaña un convenio para a recadación de todos os impostos municipais a través do ORAL

O Servizo ORAL da Deputación de Pontevedra xestiona a recadación executiva, o IBI ou as multas de tráfico de Moaña, entre outros.
Publicado por o día 13/02/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

Carmela Silva asina coa alcaldesa de Moaña un convenio para a recadación de todos os impostos municipais a través do ORAL

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, asinou esta mañá coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, un convenio de colaboración polo cal o Servizo ORAL da institución provincial pasará a xestionar a recadación de todos os impostos municipais. Carmela Silva e Leticia Santos rubricaron o convenio, que ten unha duración de dez anos e poderá ser prorrogado por períodos iguais, no despacho da presidenta no Pazo provincial.

Deste xeito, o Servizo ORAL pasará a xestionar unha serie de impostos, taxas e recursos municipais entre os que se atopan o imposto sobre construcións, instalacións e obras, as licenzas urbanísticas, as licenzas de apertura de establecementos, o servizo de distribución de auga, rede de sumidoiros e depuración, a ocupación de terreos de uso público municipal con finalidade lucrativa, o servizo de cemiterios ou o de axuda no fogar, entre outras cuestións contempladas no convenio. A maiores, o ORAL xa estaba a xestionar algúns dos impostos e taxas máis importantes de Moaña coma a recadación executiva, o IBI, o IAE, o imposto de vehículos, as multas de tráfico ou a xestión catastral, entre outros, e con estas novas incorporacións o ORAL pasa a xestionar e recadar todos os impostos da vila do Morrazo.

Lembramos que o ORAL é o servizo da Deputación de Pontevedra encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Á súa vez, encárgase de todos os trámites e xestións relacionadas coa competencia sancionadora que lle sexan delegadas, en especial as relativas ás multas de tráfico. O ORAL ofrécelles aos concellos da provincia a totalidade da tramitación dos seus impostos por delegación.

O ORAL ofrécelle servizos de información á persoa contribuínte (información tributaria, calendario fiscal, procedementos de recadación, información sobre formas de pagamento), tramitación de expedientes (cambios de titularidade, división de recibos, beneficios fiscais…), emisión de documentación (de existencia ou non de débedas, xustificantes de pagamento e a relativa aos obxectos tributarios –solicitude de axudas á dependencia, de avogado/a de oficio…–) e outros coma a tramitación de expedientes catastrais ou o asesoramento sobre recursos e comparecencias presentados ante a Xerencia do Catastro de Pontevedra.